O caso de Pintos: un exemplo da baixa calidade do estado de dereito
Rematada a fase de instrución, o Xulgado de Instrución 3 de Ferrol vén de emitir auto polo que abre xuízo oral e sinala a competencia da Audiencia Provincial para xulgar as torturas e lesións que sufriu o compañeiro Xesús A. López Pintos en comisaría a mans dun policía. Os feitos, cómpre recordar, sucederon no marco dunha protesta convocada polo comités de Navantia e Poligal, con motivo dun acto electoral do PP en Ferrol, no inicio da campaña ás autonómicas de 2012.
Acórdase así abrir xuízo oral que se desenvolverá na Audiencia Provincial dada a gravidade das acusacións. Hai que lembrar que inicialmente o xulgado de instrución decidira arquivar a denuncia presentada por Pintos contra o policía e continuar só co proceso contra o sindicalista por un delito de atentado. A decisión foi recorrida xa que supoña manter os feitos acontecidos na comisaría na madrugada do 5 de outubro de 2012 na máis absoluta impunidade.
Finalmente, a Audiencia Provincial da Coruña estimou o recurso da defensa, obrigando a abrir instrución polo maltrato policial denunciado e nunca investigado e unificando despois ambas causas. "Que se investiguen as torturas e agresións que sufrín é a vía que teño para me defender e que se garanta ao meu dereito á tutela xudicial efectiva", valoraba Pintos naquel intre.
Cinco anos despois, o auto que acaba de emitir o Xulgado de Instrución 3 de Ferrol determina a apertura de xuízo oral, requirindo a ambos acusados, Pintos e o policía nacional, o depósito dunha fianza, que no caso do sindicalista da CIG é de 1.120 euros, mentres que para o axente dos forzas de seguranza solicítase máis de 17.000 euros. En canto ás acusacións, por parte da Fiscalía atribúese ao compañeiro Pintos un delito de atentado e unha falta de lesións; mentres que o policía nacional será xulgado por un delito de tortura e un delito de lesións agravado (polo uso de instrumento perigoso).
Un proceso cheo de atrancos
Dende o inicio, o camiño tortuoso que está a recorrer o ex-responsábel comarcal da CIG de Ferrol estivo marcado polos atrancos: a denuncia presentada por Pintos contra o policía por golpealo en reiteradas ocasións, ameazalo e humillalo mentres permaneceu detido e incomunicado en comisaría foi sobreseída provisionalmente ao non terse en conta na instrución as probas presentadas (con abundante material audiovisual que acredita que non houbo agresión pola súa parte a ningún a xente); dubidouse do completo parte médico achegado, e nin sequera se tomaron declaracións das testemuñas propostas. O único que se tivo en conta foi o informe policial.
De feito, nas conclusións provisionais da Fiscalía en 2013 non se facía referencia á carga policial (que foi no seu momento cualificada como “brutal” por parte das organizacións sindicais da comarca), nin tampouco a como se produciu a detención de Pintos e moito menos á denuncia que este presentou por torturas e malos tratos na propia comisaría.
Represión da contestación social
Cómpre ter presente que a carga policial e a detención de Pintos producíronse nun momento de alta conflitividade na comarca de Ferrol, azoutada pola grave crise do naval, o peche e desmantelamento dos seus sectores produtivos, a perda insostíbel de emprego, un alarmante incremento da pobreza, e as brutais consecuencias da aplicación das reformas antiobreiras do PP.
Mais tamén a aquela altura o Partido Popular, facendo valer a súa maioría absoluta, buscaba reprimir a contestación social a todo este paquete de políticas neoliberais perfectamente deseñadas, mediante o endurecemento do Código Penal e a imposición da coñecida como "Lei Mordaza".
Neste contexto de deterioro socioeconómico e do estado de dereito, foi no que os comités de Navantia e Poligal acordaron realizar unha concentración ás portas do Hotel Almirante, na noite do 4 de outubro de 2012, coincidindo co acto do PP de inauguración da campaña ás eleccións autonómicas dese ano. A protesta, de corte pacífico, rematou cunha actuación policial desmedida e a detención de Pintos, que xa nese momento sufriu varios golpes e contusións. “A policía asañouse dunha maneira brutal e foi directamente a polo compañeiro
Pintos, a quen ameazaron con romperlle a cabeza se non se daba a volta mentres o tiñan tirado no chan”, denunciaría ao día seguinte o secretario comarcal da CIG-Ferrol, durante unha comparecencia para os medios.
Pintos foi trasladado ás dependencias de comisaria de Ferrol, onde sufriu maltrato continuado contra a súa integridade física e humillacións e amezas contra a súa persoa e o sindicato ao que representa. O asañamento foi de tal magnitude que mesmo permaneceu incomunicado toda a noite e o avogado só puido falar con el pasadas ás dez da mañá, cando lle tomaron declaración no xulgado.
Do desproporcionado da actuación policial dá conta tamén o feito de que cando tres representantes da CIG se achegaron á comisaría para interesarse pola situación de Pintos, foron recibidos con cadanseu golpe e con indicacións de que marchasen para a casa.
As consecuencias físicas e psicolóxicas do maltrato policial e liberdade provisional
Pintos padeceu durante meses as consecuencias das lesións producidas esa fatídica noite, tendo que permanecer de baixa médica e precisando de rehabilitación para o dedo dunha man. Ademais das consecuencias físicas e psicolóxicas do maltrato policial, a súa situación persoal tamén se veu afectada durante todo este tempo xa que está en liberdade provisional, tal e como se lembra no auto do xulgado. Esta condición obrigoulle, durante un ano, a ter que presentarse en comisaría todos os sábados.
O caso de Pintos é un exemplo do retroceso lento pero inexorábel no exercicio dos dereitos civís que se está a vivir no Estado español e dos métodos represivos e antidemocráticos aos que a dereita neoliberal recorre para acalar aquelas voces críticas coas súas políticas de recortes, e a utilización que fai da policía como brazo executor destas medidas.
Fronte a isto, a CIG ratificase na defensa "intransixente" do sistema de garantías e liberdades, conquista histórica do movemento obreiro. Sen estado garantista non hai democracia e isto exclúe calquera forma de dano físico ou psicolóxico que se lle poda infrinxir ás persoas detidas.