O capitalismo nunca será ecolóxico

Gilles Dauvé - 15 Nov 2021

Un soño insubstancial pedir ao capital que renuncie a “maximizar” a súa rendibilidade. Non se trata da relación (negociábel) entre salario e beneficio, senón da base do funcionamento do modo de produción capitalista. Un capitalismo verde é imposíbel: non sería rendíbel. Xa que logo, é lexítimo preguntarse que “fraccións” da burguesía teñen interese en “enverdecer” o sistema

 No discurso político contemporáneo, a ecoloxía volveuse omnipresente: transición enerxética, capitalismo verde, reformismo eco-responsábel... Pero, se basicamente nada cambia, non é pola cegueira dos líderes políticos, é por un asunto de carácter estrutural: a incompatibilidade entre ecoloxía e capitalismo.

Inevitábel e ilimitado

 Cualificada como industrial -e hoxe como postindustrial-, a sociedade moderna está formada por empresas, que teñen como obxectivo o lucro e o crecemento. Un investigador pode ser apaixonado e un enxeñeiro pode querer con toda a alma construír encoros, pero os seus proxectos só se fan realidade se está polo medio o interese mercantil da empresa que os emprega. O obxectivo da empresa sempre será vender un produto competitivo, acumular ganancias, reinvestilas para facer crecer o capital.

 “O desenvolvemento da produción capitalista require unha ampliación continua do capital colocado nunha empresa, e a competencia impón leis inmanentes da produción capitalista como leis coercitivas externas a cada capitalista individual. Estas leis non lle permiten conservar o seu capital sen aumentalo, e non pode incrementalo a menos que se acumule gradualmente. [...] Acumular para acumular, producir para producir, tal é a consigna da economía política que proclama a misión histórica do período burgués” (Marx, O Capital, capítulo XXIV, § 3).

 A proba de que vivimos nun mundo capitalista é que a hipertrofia industrial, lonxe de ser un fenómeno autónomo, está suxeita ás esixencias da revalorización do capital. Para que unha fábrica de automóbiles ou unha de aceiro siga funcionando debe ser suficientemente rendíbel, senón, inevitabelmente, pecha.

 O burgués non ten dereito a moito desleixo: un capitalismo que non medre é signo de decadencia. Durante douscentos anos, esta megamáquina renovouse periodicamente mediante a autodestrución “creativa”... O destino das fábricas do “cinto do ferruxe” dos Estados Unidos significou case a fin da industria nesas rexións. As técnicas, os sistemas de produción, os sitios de fabricación foron substituídos para facer fronte á competencia.

 Cargado cun inevitábel peso material, o capitalismo hoxe soña con ser virtual, dixitalizado, sen proletarios. Mais os traballadores seguen sendo imprescindíbeis para transformar os centos de millóns de toneladas de mineral, madeira, aceiro, cemento, plástico... necesarias para a produción dos millóns de artefactos e pantallas do mundo dixital.

 As prioridades permanentes dun “bo capitalista” son intensificar o traballo dos proletarios, reducir os custos de produción e, se é necesario, esgotar as bases materiais da produción. Construtor e demoledor incansábel, devorador de recursos e sempre contaminador, o capitalismo por definición ignora a sobriedade. Austero ou dilapidador, o burgués non é necesariamente cobizoso, pero sempre está ao servizo da lóxica do sistema. Para o patrón máis benévolo as boas intencións sociais ou ambientais son totalmente secundarias, a competencia é a que manda.

 «Crecemento» é o nome que toma o «progreso» cando se aplica á economía. Desde a máquina de vapor de James Watt até a electrónica de Silicon Valley, a fe no progreso é esencial para a burguesía, mais o “progreso” só se converte en forza material cando acumula valor. O modo de produción capitalista non só é un sistema industrial devastador, tamén é remiso a facerse cargo dos seus estragos.

Un mundo de empresas

 O mundo no que vivimos nunca será manexábel como unha soa gran empresa. Non habería competencia. Unha multinacional global é unha utopía. Bukharin non foi o único que analizou a hipótese (improbábel segundo el) dun “plan racional desde o punto de vista do capital cunha clase capitalista unificada”. Calquera que sexan os atrancos xeopolíticos -que en todo caso son insuperábeis- a lóxica do modo de produción capitalista fai que a «confianza» sexa estruturalmente imposíbel. Quen di mercado (nacional ou global) di competencia.

 Cada empresa é responsábel só de si mesma e da súa folla de balances. Funciona como un organismo, cun interior distinto ao exterior, pero poroso. Hai investimentos, materias primas, empregados, instalacións técnicas que producen bens xeradores de diñeiro. Pero, aínda que a empresa está en contacto coa sociedade, os seus xefes só son responsábeis de non perder diñeiro. Teñen que respectar a lexislación e pagar os impostos (que normalmente tentar evitar), pero cumpridas estas dúas condicións, o resto non lles concirne: “Non debo nada ao público” proclamou no século XIX J.P. Morgan.

 As empresas habitualmente rexeitan os efectos negativos que se producen como consecuencia da súa actividade. Para ter en conta estas “externalidades negativas”, a sociedade capitalista tivo que empezar a sufrir os danos que provoca cada empresa na súa contorna. E , agora volveuse urxente comparar o custo dos investimentos co custo das perdas producidas polo quecemento global. mais o que, en realidade, busca o sistema é alcanzar un limiar de emisións de CO2 que «economicamente sexa óptimo».

 A burguesía non é nin monolítica nin cega, e non carece de think tanks que a axuden a afrontar os seus conflitos e contradicións. Así e todo, ten grandes dificultades para actuar de acordo co interese colectivo da súa clase. Malia que medidas drásticas contra o climático poderían beneficiar a toda a burguesía, cada empresa é remisa a aumentar os seu custos de produción. O beneficio individual (o individuo é ante todo a empresa) e a cooperación burguesa de cando en cando van da man: por máis verde que sexa un patrón, nunca correrá o risco de reducir a competitividade da súa empresa.

Futuro escuro

 Para 2050 cuadruplicarase o volume da carga internacional, duplicarase o tráfico aéreo, haberá unha explosión do turismo, aumentará nun 100% a produción de roupa (a custo do enorme consumo de auga e do uso masivo de praguicidas), crecerá a produción de plástico e o 5G consumirá máis enerxía... A tecnoloxía dixital require metais transformados, o seu uso absorbe entre o 10% da electricidade mundial e as tecnoloxías da información contribúen negativamente ao cambio climático tanto como o transporte aéreo: “En termos de destrución, aínda non vimos nada”, dinos o ecólogo, Philippe Bihouix.

 E como sabemos non será a crise da COVID-19 a que reverterá esta nociva tendencia. A electro-mobilidade amplificará a explotación dos recursos naturais, demostrouse que a extracción e refinación dos metais raros requiren procesos altamente contaminantes. Pero, que máis ten! o coche de “petróleo ou diésel” xa tivo a súa época. O coche eléctrico é o próximo paso da «modernidade».

 Irlanda afirma que logrará a “neutralidade de carbono” en 2050 grazas aos coches eléctricos. Pero, non nos enganemos, todo depende de como fagamos as contas: como as empresas non inclúen as emisións de gases invernadoiro durante o proceso de produción, o produtor dun coche eléctrico está autorizado a dicir que o seu vehículo é ecolóxico.

 Moverse é unha necesidade humana e un pracer, mais o capitalismo fai da mobilidade unha necesidade. Todo debe circular no traballo e fóra do traballo. Mobilidade e individualidade significa poder escoitar “a miña” música en calquera momento, grazas a un dispositivo portátil que levo comigo. Liberdade é conducir un coche persoal malia que hai «buses con cero emisións».

 En canto á durabilidade, a obsolescencia programada forma parte do funcionamento obrigatorio dos obxectos, en particular dos electrónicos. E, paradoxalmente a recuperación, o compartir, a non propiedade, a reciclaxe, os talleres cooperativos, o troco... son propugnados por persoas que xeralmente non ven obxeccións á chegada da “fibra”.

 O 4G está a ser substituído polo 5G, esencial para os obxectos conectados á rede, a computación na nube, as cidades «intelixentes». Mentres xa estamos esperando o 6G e os que critican estes desenvolvementos fano principalmente polos seus efectos sobre a saúde e de cando en cando polo seu uso: estar conectado a todo e a todos en calquera momento. Son tecnoloxías que satisfán as necesidades do “home moderno individualista”. O resultado?, ninguén quere que os barcos-contentores reduzan a súa actividade transportando cinco ou dez veces menos iPhones, Playmobil e Nike.

 Aínda que a enerxía solar e eólica cheguen a ser máis baratas que os combustíbeis fósiles, a maior produtividade do capital esixe a construción de centrais nucleares, novas infraestruturas de enerxías fósiles, oleodutos, estradas, centrais eléctricas de carbón, e sobre todo produción de máis plástico (o consumo deste produto petroquímico duplicouse nos últimos dez anos).

 Entre a “mitigación” (a esperanza de frear o quecemento global) e a adaptación a un escuro futuro, o segundo camiño ten prioridade para a clase dominante. A historia do século XX, impredicíbel para Marx, mostra como as burguesías nunca anticiparon o futuro, tanto nos seus avances técnicos como nas súas catástrofes. A guerra de 1914, a crise de 1929, o nazismo, a guerra de 1939-1945... foron e seguen sendo atribuídos a escouras do pasado, fracasos, aberracións. O mesmo ocorrerá coa crise climática.

Keynesianismo verde?

 “Se o capitalismo realmente colleu folgos despois de 1980, a súa vitoria non foi o que se cre habitualmente. As deficiencias da década de 1970 seguen presentes corenta anos despois enmascaradas polos beneficios dunha minoría de empresas (monopolios ou oligopolios) e do sector financeiro” (Isto é o que dixemos en 2017).

 Hoxe, nunha situación xeneralizada de déficit de rendibilidade, os investimentos para a «mitigación» (supoñendo que se realicen) agravarán a crise, e isto, a pesar de que unha parte da burguesía terá importantes beneficios. As sumas en xogo serían inconmensurábeis en relación coas mobilizadas en 2008 para rescatar os bancos.

“Mil billóns para o clima”, recomendan Jean Jouzel e Pierre Larrouturou (para evitar o caos climático e financeiro), querendo demostrar que unha política verde non só sería posíbel, senón socialmente beneficiosa (creación dun millón empregos) e, cunha vantaxe adicional, sería bo para a economía e a competitividade do país... e de Europa.

 Este proxecto “verde” tenta outorgar ao modo de produción capitalista o que non é capaz de facer por si mesmo. Pero, tal como van as cousas, nun futuro previsíbel, non haberá keynesianismo verde nin keynesianismo social. Non debemos esperar unha mobilización de todos os recursos como o fixo Estados Unidos logo de Pearl Harbor. Neses anos, Roosevelt destinou gran parte do orzamento á economía armamentista, o estado federal administrou desde a produción de avións até as municións. En menos dun ano, a industria reconverteuse; Chrysler fabricaba fuselaxes; Ford bombardeiros Ford, General Motors tanques, etc.

 Despois de Pearl Harbor, era inaceptábel para as grandes empresas dos EUA que os xaponeses controlasen os recursos económicos e minerais do Pacífico. A ameaza foi precisa e as súas consecuencias concretas. Oitenta anos despois, o capitalismo estadounidense e europeo non irá á guerra contra o CO2.

 Nos Estados Unidos, hoxe en día, unha tendencia do Partido Demócrata, milita no chamado ‘Green New Deal’. O seu programa é que Norteamérica conte cunha rede eléctrica que funcione ao 100% grazas ás enerxías renovábeis en 2030. Este «novo» New Deal esquece que se necesitou a crise de 1929 e unha vaga de folgas con ocupacións de fábricas para que Roosevelt impuxese certas restricións á burguesía.

 Os demócratas “verdes” esquecen que é un soño insubstancial pedir ao capital que renuncie a “maximizar” a súa rendibilidade. Non se trata da relación (negociábel) entre salario e beneficio, senón da base do funcionamento do modo de produción capitalista. Un capitalismo verde é imposíbel: non sería rendíbel. Xa que logo, é lexítimo preguntarse que “fraccións” da burguesía teñen interese en “enverdecer” o sistema.

 A cuestión é recoñecer unha verdade do tamaño dunha catedral: o capitalismo seguirá danando os equilibrios naturais. Para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 5 ou un 10% anual requírese un esforzo colectivo de toda a humanidade, unha centralización dos poderes de decisión, unha economía enerxética planificada. Necesítase ir máis aló do marco nacional e nunha liña oposta á do capitalismo «verde».

_____________________________________________________________________________

Referencias:

Marx, O Capital, Libro I, Cap. XXIV, § 3, acumulación.

Andreas Malm, Cara a unha una historia diferente da mudanza climática.

Philippe Bihouix, A felicidade era para mañá, Seúl, 2019.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 29 de outubro de 2021]