O cambio nos coeficientes redutores da idade de xubilación afectará a miles de tripulantes das flotas do palangre e do arrastre
A CIG-Mar denuncia que se trata do “maior recorte social na historia da pesca galega”
O sector do Mar da FGAMT-CIG denuncia que a dirección xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, vén de modificar os coeficientes redutores da idade de xubilación, o que afectará a milleiros de mariñeiros galegos da flotas conxeladoras do palangre e do arrastre. Dende a central consideran que se trata do “maior recorte social na historia da pesca galega” e solicítanlle á Xunta que convoque ás patronais do sector.
O responsábel da CIG-Mar, Xabier Aboi, compareceu esta mañá en rolda de prensa en Pontevedra para denunciar unha problemática que a central comezou a detectar a comezos do ano pasado, cando a raíz de varias consultas de afiliados “atopamos anomalías como que lles faltaban anos de cotización para poder xubilarse”.Foi entón cando descubren que a dirección xeral da Mariña Mercante modificara mediante unha orde interna os coeficientes redutores da idade de xubilación, “que é un dereito social que teñen os mariñeiros/as e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco como mineiros ou policías e que lles permite adiantar a idade de xubilación”.Este cambio está a afectar a milleiros de tripulantes das flotas palangreira conxeladora e do arrastre, a maior parte deles galegos. De feito, no caso da flota palangreira, dos 131 barcos censados, un total de 119 teñen base no noso país. Na flota arrastreira conxeladora, que faenaba no banco canario-sahariano, norte de África ou Angola, as embarcacións afectadas rondan as 350. Deste xeito, a medida repercutirá sobre uns 500 barcos de zonas como A Guarda, Vigo, Marín, Ribeira e A Mariña.Segundo sinala Aboi, a decisión de Mariña Mercante de reducir os coeficientes baséase en que estas embarcacións supostamente se dedican ao fresco e non ao conxelado, “cando todo o mundo sabe que ao faenar en distancias tan longas é imposíbel traer o peixe sen conxelar”. Así, o que fixo o departamento dependente de Fomento foi introducir un novo criterio que establece que só poden considerar grandes conxeladores -e polo tanto con dereito ao maior coeficiente (0,40)- os barcos de máis de 1000 toneladas e de máis de 70 metros de eslora. “Isto supón que no noso país só terían dereito a este coeficiente os tripulantes dunhas 10 embarcacións”, censura.Diante disto, a CIG xa lle remitiu un escrito á conselleira de Pesca para solicitarlle que convoque ás patronais do sector para abordar esta problemática, ao tempo que dende a central non descartan acudir aos tribunais. “Tamén imos iniciar unha campaña informativa entre os afectados porque aínda hai moita xente que non sabe o que está a acontecer”. Finalmente, critican que o recorte dos coeficientes se teña feito “á calada” e sosteñen que se trata do maior ataque aos dereitos sociais dun colectivo ao que se lle priva da posibilidade de poder xubilarse antes dos 65 anos.