O persoal de Madera Fiber do Porriño intensifica as protestas en defensa do emprego
O cadro de persoal de Madera Fiber, antiga Faurecia Interior Porriño, decidiu intensificar as mobilización para reclamar una solución á grave situación económica que atravesa a empresa que garanta a continuidade do proxecto industrial e o mantemento dos 103 empregos actuais. Para este martes 17 teñen convocada una marcha a pé entre a fábrica e o Concello, onde manterán una xuntanza co alcalde para reclamarlle o apoio do Goberno local ás súas reivindicacións.
A representación sindical segue a insistir na necesidade de que a Xunta se implique de cara a atopar “un inversor serio” que manteña os postos de traballo, polo que demandan “axilidade” por parte dos responsábeis autonómicos, cos que se reuniron recentemente. No pasado xa mantiveran xuntanzas tanto co IGAPE como coa Inspección de Traballo para alertar do que estaba a acontecer na empresa, situación que derivou finalmente na presentación do concurso de acredores por parte da compañía.
De xeito paralelo, están solicitar o apoio dos alcaldes e dos grupos políticos da zona de influencia da empresa, que se expresa no pleno municipal mediante una moción (Ponteareas, Mos, Salceda, Salvaterra, As Neves). Precisamente mañá está previsto que os reciba o rexedor do Porriño tras a marcha a pé que rematará diante do consistorio tras arrincar das instalación da fábrica (no polígono das Gándaras) ás 9:30 horas.
Os traballadores/as desenvolveron xa distintas mobilizacións dende que se soubo a problemática da empresa, tanto diante do edificio autonómico en Vigo como ás portas doutras empresas do grupo Faurecia, como a que tivo lugar o martes en Faurecia Asientos. Para este xoves 19 teñen previsto levar a cabo una nova concentración noutra compañía do grupo de 13:00 a 14:30 horas, neste caso Faurecia Escapes, con sede no polígono vigués do Caramuxo.
Dende a representación da CIG no comité insisten en que a mellor saída posíbel sería que “volvamos ser traballadores/as de Faurecia”, xa que a transnacional francesa vendera a súa filial porriñesa en 2022 ao fondo de investimento alemán Callista por un euro, ao tempo que inxectou tres millóns de euros na empresa. “Tras a operación o fondo voitre nunca presentou ningún plan industrial nin realizou investimentos, e aos tres meses vendeu os terreos e as instalacións por 2,4 millóns, un prezo moi inferior ao valor de mercado”.
A compañía continuou producindo até que en marzo de 2023 foi vendida por 3600 euros a unha empresa romanesa propiedade de Rüdiger Wisser, “que se presentou aquí asegurando que era embaixador do parlamento internacional dos dereitos humanos, algo surrealista”. Cinco meses despois esta persoa desaparece, deixando a empresa en concurso de acredores con importantes débedas.
“Foi todo unha operación especulativa, xa que as pezas que fabricamos eran vendidas a Faurecia a un prezo inferior ao de fabricación, que era marcado pola propia Faurecia. O obxectivo desta trama era evitar o dano reputacional e as cuantiosas indemnizacións por despido, xa que as responsa-bilidade recaerían nun cidadán romanés insolvente”, sinalan.
Por iso dende a representación sindical instan a Xunta a implicarse e a decidir con quen se posicionan: ou cos traballadores/as e as súas familias ou cos fondos voitres.