O persoal de Irosa e Samaca recibe a segunda edición do ‘Premio Etelvino Blanco’
Os traballadores/as das empresas louseiras Irosa e Samaca de Carballeda de Valdeorras recibiron a segunda edición do ‘Premio Etelvino Blanco ao compromiso cívico sindical’ que a Unión Comarcal da CIG de Ourense puxo en marcha o ano pasado para homenaxear a figura do histórico sindicalista. A entrega do galardón tivo lugar esta tarde no salón de actos da Casa Sindical e coincidiu co 40º aniversario da primeira folga xeral nacional galega.
A executiva comarcal da CIG de Ourense decidiu distinguir os cadros de persoal de Irosa e Simaca “pola honrosa defensa do seu emprego e do seu pan ante un desafiuzamento inminente que suporía a perda de 300 postos de traballo directos e preto doutros tantos indirectos, preservando, ademais, a única empresa relevante de capital integramente galego e valdeorrés non adquirida por fondos de capital estranxeiro”.
Durante o acto, no que estivo presente o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, asegurou que “na central sindical sentímonos cheos/as de orgullo por esta loita obreira, polo que queremos darlle o recoñecemento que se merece, e nada mellor que o premio que leva o nome de quen foi referente social e sindical en Ourense durante décadas”.