O Brexit e os seus efectos colaterais na cartografía europea
Caso de se producir o Brexit, asistiriamos a unha progresiva disolución da actual UE como ente político, momento que será aproveitado polas actuais nacións subestatais europeas conseguir a desconexión das súas antigas metrópoles e provocar a aparición dun novo mapa xeopolítico europeo
Segundo sinala Joel Kotkin na revista Forbes, durante décadas, os países do Norte (Alemaña, Noruega, Suecia, Dinamarca, Holanda , Finlandia e Reino Unido), compensaron as moi baixas taxas de fecundidade e a diminución da demanda interna coa chegada de inmigrantes e a creación de economías de orientación exportadora altamente produtivas e, pola contra, os países periféricos europeos non desenvolveron unhas fortes economías que compensen o seu devalo demográfico ao basear a súa economía na chamada “dieta mediterránea” , que tiña como ingredientes principaiso boom urbanístico, o turismo e o consumo interno, que creaba excelentes pratos minimalistas, de aparencia altamente suxestiva e prezo desorbitado pero baleiros de contido culinario e con data de caducidade impresa (2008), provocado polo estourido da burbulla inmobiliaria e o afundimento do castelo de naipes económicos dos países PIIGS ((despectiva abreviatura anglosaxoa que englobaría a España, Portugal, Italia, Irlanda, e Grecia) e por mimetismo de Chipre, Malta e Eslovenia.
Cara ao Brexit?
No Reino Unido converxían unha maior exposición aos activos tóxicos (hipotecas subprime), aos activos inmobiliarios e unha libra revalorizada que estancara as súas exportacións, polo que o Banco de Inglaterra se viu obrigado a realizar sucesivas baixadas de tipos de xuros, implementar medidas cuantitativas (Quantitative Easing) para incrementar a base monetaria e depreciar repetidamente a súa moeda para estimular as súas exportacións. Porén, tras retornar ao poder os conservadores liderados por David Cameron e fieis á súa política euroescéptica (nula vontade británica de se embarcar nun proxecto en decadencia no que a soberanía británica estaría supeditada aos mandatos de Bruxelas), incluíron no seu programa electoral do 2015 a convocatoria dun referendo sobre a saída da UE para o 2016, co que Cameron tranquilizou as bases máis radicais do seu partido á vez que arrebatou a bandeira ao partido en alza dos euro-escépticos( UKIP) na crenza dun cómodo triunfo e da continuación de Reino Unido na Unión Europea en condicións similares a Suíza. Con todo, a irrupción de forzas centrífugas lideradas polo ex-alcalde de Londres, Boris Johnson podería provocar a vitoria inesperada dos partidarios do Brexit que consideran que o Reino Unido non necesita de Europa xa que podería converterse na Singapur de Occidente desde a súa atalaia financeira da City londinense á vez que metrópole do comercio de Ultramar ao pilotar a nave capitá dunha renacida Commonwealt, seguindo a filosofía de Winston Churchill: “Estamos en Europa, pero non nela”. Caso de se producir a saída ordenada, Cameron asumirá un enfoque "activista" en asuntos internacionais forzado polo ninguneo ao que é sometido polo Eixe Berlín-París no escenario europeo e ao papel de comparsa de EEUU que debe asumir nos conflitos internacionais e co obxectivo inequívoco de que a política exterior sirva de catalizador dos valores da Gran Bretaña e o seu pasado imperial, co que poderiamos asistir ao renacemento da Commonwealt e a un novo conflito das Malvinas.
O khaos grego
As reformas estruturais e fiscais que impuxo a Troika a países como Irlanda, Grecia, Portugal, o Estado español, Italia, Chipre, Malta e Eslovenia para modernizar a Administración pública e a sanidade, mellorar o mercado laboral e adaptar a presión fiscal ás circunstancias son principios xenéricos que se traduciron en sucesivas subidas de impostos, redución de funcionarios, supresión de organismos públicos, recortes salariais e máxima flexibilidade no mercado laboral xunto cunha sensíbel perda de parte da primixenia Carta Social Europea (CSE) ou Carta de Turín de 1961. Así,na canle Fox News, Peter Morici, economista e profesor da Universidade de Maryland, dixo que “ a necesidade dunha unión fiscal na zona euro e de que o BCE adopte un papel similar ao levado a cabo pola Reserva Federal de EEUU, non chegarán a tempo” para salvar os países periféricos e considerou a posibilidade de que “os devanditos países abandonen o euro para poder así imprimir o seu propio diñeiro e resolver os seus problemas como o fixo Estados Unidos a raíz da crise financeira".
No caso grego, a troika que comprenden a UE, o FMI e o BCE levan tempo presionando a Grecia cun rigoroso programa de privatizacións debido á súa desorbitante Débeda Pública (de 320.000 millóns de euros) e obrigou a implementar reformas estruturais e fiscais para modernizar a Administración pública e a sanidade, mellorar o mercado laboral e adaptar a presión fiscal ás circunstancias (rebaixar o IVA situado na actualidade no 23%,) traducíronse en subas de impostos, redución de funcionarios, supresión de organismos públicos, recortes de salarios e pensións de xubilación, flexibilidade no mercado laboral e brutal perda de postos de traballo (máis dun millón desde o inicio da crise). Ademais, estímase que a débeda pública do país heleno ascenderá ata o 200 % do produto interior bruto (PIB) no 2016, existindo o temor de que podería pasar do default (incumprir os seus pagamentos) á saída da Eurozona (medida drástica que contaría coas bendicións do seu principal acredor, Alemaña) , polo que “cada vez máis empresas europeas e estadounidenses se preparan para o que antes era impensábel”, segundo The New York Times.
Liquidación da actual Unión Europea?
A hipotética exclusión de Grecia da Eurozona supoñería a liquidación da Eurozona pois o resto de países periféricos (Portugal, o Estado español, Irlanda, Malta e Chipre), seguirá inexorabelmente o movemento centrífugo de Grecia e deberán retornar ás súas moedas nacionais, sufrir a subseguinte depreciación destas e a regresión a niveis de renda propias da década dos 70 , co conseguinte efecto demoledor nos mercados bursátiles.
Así, asistiremos á reconversión da actual Eurozona na Europa dos Nove (Alemaña, Francia, Bélxica, Holanda, Italia, Dinamarca, Suecia, Luxemburgo e Austria), quedando o resto de países europeos periféricos (Portugal, o Estado español, Irlanda, Grecia, Eslovenia, Malta e Chipre), gravitando nos seus aneis orbitais e véndose obrigados a retornar ás súas moedas nacionais, sufrir a subseguinte depreciación destas, regresión a niveis de renda propias da década dos 70 e inicio do éxodo ao medio rural dunha poboación urbana afectada pola asfixia económica, embargo de vivendas e ingreso nas listas do paro, coa conseguinte revitalización de extensas zonas rurais e rexuvenecemento da súa poboación.
Ademais, o retroceso das exportacións debido a contracción do consumo interno da UE pola recesión económica (os intercambios comerciais entre os Estados membros da UE alcanzan o 60% do volume total do seu comercio ) e as sucesivas depreciacións das divisas de China e países emerxentes encarece os produtos europeos e reduce a súa competitividade fronte aos países do resto do mundo(con especial incidencia en países tradicionalmente exportadores como Finlandia) podería provocar que o devandito país abandone a Eurozona e proceda á constitución dunha Federación Escandinava (integrada por Noruega, Finlandia, Letonia, Estonia e Lituania) que pivotaría na ambivalencia comercial ruso-europea.
O resto de países do centro e leste de Europa (integrantes da chamada Europa emerxente), sufrirán con especial crueza os efectos da tormenta económica ao non contar co paraguas protector do euro e veranse obrigados a depreciar sucesivamente as súas moedas , aumentar espectacularmente a súa débeda externa e sufrir alarmantes problemas de liquidez e, así mesmo, deberán retornar a economías autárquicas tras sufrir masivas migracións interiores, ao descartar a CE a modificación das regras para a adopción do euro na Unión Europea e así poder acelerar a adhesión dos Estados membros do centro e leste de Europa e deberán proceder á reapertura de abandonadas minas de carbón e obsoletas centrais nucleares para sacudirse a rusodependencia enerxética.
Cara á Europa dos Pobos?
As forzas centrífugas presentes no escenario europeo provocarían o auxe de movementos independentistas do que Escocia sería paradigma do devandito movemento e alumno avantaxado tras o referendo celebrado para decidir sobre a permanencia ou non da devandita nación en Gran Bretaña. O profesor James Mitchell, responsábele da escola de Goberno e Política Pública da Universidade de Strathclyde (Glasgow, Escocia), explica que as razóns dun pobo para querer a súa independencia “radican no fracaso dos seus respectivos Estados, pois as nacións subestatais séntense ninguneadas” pero segundo a actual doutrina imperante en Bruxelas, “un Estado resultante dun movemento secesionista perdería a súa condición de membro de pleno dereito da zona euro e tería que comezar o proceso de readmisión”, o que na práctica imposibilita a secesión. Caso de se producir o Brexit, asistiriamos a unha progresiva disolución da actual UE como ente político, momento que será aproveitado polas actuais nacións subestatais europeas (Escocia, Flandres, Bretaña, Alsacia, Córsega, Catalunya, País Vasco, Galiza, Padania, Tirol do Sur, Irlanda do Norte, Cornualles e Illa de Man) para conseguir a desconexión das súas antigas metrópoles e provocar a aparición dun novo mapa xeopolítico europeo no horizonte do 2020.
[Artigo tirado do sitio web ‘Alainet’, do 17 de xuño de 2016]