O BNG asume todas as demandas das traballadoras e traballadores de Seaga
Unha vez concluído o encontro compareceron en rolda de prensa os representantes dos comités, o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido e a candidata do BNG, para informar do tratado na mesma e dar conta dos compromisos acadados.
En representación dos traballadores/as interveu Pablo Buj, presidente do Comité provincial de Seaga da Coruña, quen lembrou que son 500 os traballadores e traballadoras que ten agora mesmo a empresa pública, contratados como fixos-discontinuos. Unha modalidade de contratación que se traduce en que só traballan tres meses ao ano “o que non nos dá dereito a un subsidio de desemprego ou a acceder á axuda de 420€”, dixo.
Buj subliñou ademais que “a maioría levamos máis de 10 anos traballando, somos xente con familia e non ter dereito sequera ao subsidio familiar déixanos na precariedade absoluta”.
O presidente do Comité da Coruña sinalou que agora está entrando a traballar en Seaga xente nova con moi pouca experiencia e alertou da posibilidade de que isto provoque unha desgraza en calquera momento.
“Palabrería barata da Xunta”
O presidente do comité de Seaga da Coruña asegurou tamén que o “suposto acordo” ao que chegou a Xunta –e que matizou que foi sen negociación coas organizacións sindicais- para recoñecer o persoal da Xunta como bombeiro forestal non é máis que “palabrería barata”, porque só representa un terzo do total dos traballadores/as que actúan no dispostivo.
Por iso considerou que se trata dun acordo “baleiro de contido” que deixa fóra aos dous terzos dun dispositivo no que operan, ademais do persoal propio da Xunta, o de Seaga, o dos concellos ou o de Natutecnia, entre outros.
Xunto a isto, o presidente do comité de Coruña explicou que as súas demandas céntranse en que se muden as políticas de incendios deste país, que haxa un servizo único e público e que se poña fin á precariedade.
Recoñecemento ao labor dos servizos de extinción
Pola súa banda, a candidata nacionalista, Ana Pontón, asegurou que o BNG asume todas as súas demandas e que aposta, entre outras cuestións, pola unificación dos servizos de prevención e extinción nun único e público; pola profesionalización e por rematar coa precariedade; por outra ordenación dos montes; por superar o monocultivo do eucalipto e por pór en marcha políticas que permitan recuperar o rural galego. Isto tras recoñecer o labor dos traballadores e traballadoras de Seaga e de todo o servizo de extinción.
Ademais responsabilizou ás políticas de abondo do medio rural do PP e do goberno de Núñez Feijóo da actual situación. Isto xunto coa falta de planificación, a fragmentación do dispositivo e “uns intereses privatizadores que “poñen en risco a vida das persoas e os montes”.
Por iso incidiu na necesidade de que se fagan tamén labores de prevención porque “os incendios apáganse no inverno”, afirmou.