O BCE recoñece o impacto do aumento do gasto militar sobre a débeda: «Lastrará as finanzas públicas»

Fátima Martín - 08 Set 2025

O Banco Central Europeo (BCE) recoñeceu o impacto que o aumento do gasto militar por parte dos países membros da Unión Europea (UE) terá sobre a débeda, os xuros e as arcas públicas. Mesmo se fai eco dos plans para derivar cara á defensa fondos actualmente destinados a outros fins

 “Prevese que os niveis de débeda e os custos dos xuros aumenten, o que lastrará as finanzas públicas máis aló do curto e medio prazo. (…) Os niveis de débeda soberana poderían volver aumentar, xa que o aumento do gasto en defensa e os posíbeis paquetes de estímulo adicionais financiaranse en gran medida con débeda adicional”, admitiu o BCE no Financial Stability Review do pasado mes de maio[1].

 E explicou o mecanismo polo que sucederá: “Dado o vencemento medio relativamente longo da nova débeda soberana, é probábel que o refinanciamento da débeda que vence a tipos moi baixos antes de 2022 nas condicións actuais do mercado, xunto coa emisión necesaria para financiar o gasto adicional, aumente os pagos de xuros en relación co PIB nos próximos anos”[2].

 Na epígrafe destinada ao contorno macrofinanceiro e crediticio, o BCE insiste en que os aumentos do gasto en defensa terán un impacto significativo nos orzamentos, o que requirirá unha maior marxe fiscal. Para implementar esa maior marxe fiscal, o informe sinala as propostas previstas pola Comisión Europea no seu plan para rearmar Europa[3]: activar a cláusula nacional de escape do Pacto de Estabilidade e Crecemento e desembolsar empréstitos procedentes de novos empréstitos conxuntos mediante o instrumento de Acción Seguridade para Europa (SAFE). Ademais, o plan suxire “reutilizar partes do orzamento actual da UE”.

 O Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI), que recolle un aumento sen precedentes do gasto militar mundial en 2024 até os 2,7 billóns de dólares encabezado por Europa e Oriente Medio, advirte que a medida que os gobernos priorizan cada vez máis a seguridade militar, con frecuencia en detrimento doutras partidas orzamentarias, as consecuencias económicas e sociais poderían ter un impacto significativo nas sociedades durante os próximos anos[4].

  Segundo os datos que manexa o SIPRI, o ano pasado, en toda Europa, incluíndo Rusia, o gasto militar aumentou un 17%, alcanzando os 693.000 millóns de dólares, e foi o principal responsábel do incremento global en 2024. Coa guerra de Ucraína no seu terceiro ano, o gasto militar continuou crecendo en todo o continente, superando o nivel rexistrado ao final da Guerra Fría. Todos os países europeos, agás Malta, aumentaron o seu gasto militar en 2024.

 En Alemaña, o gasto militar creceu un 28%, até os 88.500 millóns de dólares, o que o converteu no país con maior gasto de Europa Central e Occidental (por primeira vez desde a reunificación) e no cuarto do mundo. O gasto de Polonia aumentou un 31%, alcanzando os 38.000 millóns de dólares, o que representou o 4,2% do seu PIB. Francia incrementou o seu gasto nun 6,1%, até os 64.700 millóns, situándose no noveno posto a nivel mundial. Suecia aumentou o seu gasto militar un 34%, alcanzando os 12.000 millóns de dólares. “Europa entrou nunha etapa de gasto militar elevado e crecente que probabelmente se prolongue durante os próximos anos”, prevé o SIPRI.

 No que respecta especificamente á Unión Europea (UE), o propio Parlamento Europeo documenta o que denomina “o reforzo da seguridade na UE”. O devandito reforzo tradúcese en que o gasto en defensa entre os Estados membros da UE aumentase máis dun 30% entre 2021 e 2024, alcanzando unha cifra estimada de 326.000 millóns de euros en 2024. Isto equivale ao 1,9% do PIB da UE. O gasto foi aumentando de forma constante desde 2014, cando era de 147.000 millóns de euros.

 A Comisión Europea, á altura do mes de marzo, estimaba que o plan para rearmar Europa podería mobilizar 800.000 millóns de euros[5]. Isto foi tres meses antes da Cimeira da OTAN na Haia, onde, tras as presións de Trump, os países membros se comprometeron a aumentar o seu investimento anual en defensa até o 5% do PIB para 2035[6].

 As investigacións do SIPRI tamén ofrecen datos do gasto militar dos países membros da OTAN. En concreto, os membros europeos da OTAN gastaron en conxunto 454.000 millóns de dólares, o que representa o 30% do total da Alianza. Desde o SIPRI consideran que o rápido incremento do gasto entre os membros europeos da OTAN se debeu principalmente á ameaza de Rusia e á preocupación por un posíbel retraemento dos EUA dentro da Alianza. Agora ben, incrementar o gasto non se traduce necesariamente nunha capacidade militar significativamente maior nin nunha maior autonomía respecto dos Estados Unidos. “Trátase de obxectivos moito máis complexos”, advirten.

 Parte desa complexidade pódese observar no feito de que o fondo estadounidense BlackRock, o maior xestor de activos do mundo, é un dos grandes beneficiados do rearmamento de Europa. De feito, os mesmos fondos de investimento norteamericanos operan nas grandes empresas militares tanto dos EUA como da UE, onde comparten accionariado cos propios estados[7].

 Ademais do Banco Central Europeo, non son poucos os organismos que admiten o impacto do aumento do gasto militar sobre as arcas públicas. Recentemente, o Fondo Monetario Internacional (FMI) instou a Unión Europea a analizar o impacto do aumento do gasto en defensa en relación coa sustentabilidade da débeda pública, dado o desafiante momento internacional. E, na súa liña, recomendou “acometer reformas significativas”[8].

 Pola súa banda, a OCDE reclamou á UE que o gasto en defensa non se financie con débeda e advertiu da posíbel necesidade de facer recortes noutras partidas ou subir os impostos, especialmente nos países con menor marxe fiscal[9].

 A nivel doméstico, a presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), Cristina Herrero, deixou claro que o gasto militar computa como déficit e débeda: “En termos orzamentarios, 10.000 millóns de gasto en defensa son 10.000 millóns de déficit e débeda por moita reestruturación que se faga. (…) Ou sóbense os ingresos ou báixase outro gasto. Diso non hai dúbida”, aseverou[10]. Hai que lembrar o dito desde estas liñas: o guerreirismo de Europa dispara a débeda pública e ataca o estado do benestar[11].

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] ECB. (2025). Financial Stability Review. https://www.ecb.europa.eu/press/financial-stability-publications/fsr/html/ecb.fsr202505 0cde5244f6.es.html#toc6

[2] Global Debt Report 2025, OECD Publishing, March 2025.

[3] Initially announced as the ReArm Europe Plan. See “Press statement by President von der Leyen on the defence package”, European Commission, Brussels, 4 March 2025 and “Commission unveils the White Paper for European Defence and the ReArm Europe Plan/Readiness 2030”, European Commission, Brussels, 19 March 2025.

[4] SIPRI (28/04/2025). Aumento sin precedentes del gasto militar mundial impulsado por Europa y Oriente Medio. https://www.sipri.org/sites/default/files/2025%20MILEX%20PR%20ESP.pdf

[5] Parlamento Europeo. (28/03/2025). Defensa: el refuerzo de la seguridad en la UE. https://www.europarl.europa.eu/topics/es/article/20190612STO54310/defensa-el-refuerzo-de-la-seguridad-en-la-ue

[6] NATO. (25/06/2025). NATO concludes historic Summit in The Hague. https://www.nato.int/cps/en/natohq/news_236516.htm

[7] Martín, F. (04/04/2025). BlackRock, ex empregador estadounidense do próximo chanceler alemán Merz, gran beneficiado do ReArme de Europa. CADTM. 23379

[8] RTVE.es. (19/06/2025). «El FMI insta a Bruselas a analizar el impacto de aumentar el gasto militar en la sostenibilidad de la deuda pública». https://www.rtve.es/noticias/20250619/fmi-bruselas-impacto-gasto-militar-sostenibilidad-deuda-publica/16632465.shtml

[9] López, D. (03/06/2025). «La OCDE reclama a la Unión Europea que el gasto en defensa no se financie con deuda». El País. https://elpais.com/economia/2025-06-03/la-ocde-reclama-a-la-union-europea-que-el-gasto-en-defensa-no-se-financie-con-deuda.html

[10Europa Press. (24/06/2025). «La Airef afirma que el gasto militar cabe en los Presupuestos, pero habrá que subir ingresos o bajar gastos». https://www.europapress.es/economia/noticia-airef-afirma-gasto-militar-cabe-presupuestos-habra-subir-ingresos-bajar-gastos-20250624112402.html

[11] Martín, F. (28/07/2025). «El guerrerismo de Europa dispara la deuda pública y ataca el estado del bienestar». CADTM. 23719

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web do CADTM, do 2 de setembro de 2025]