O banquete de Conxo, a unidade obreira-estudantil
O banquete de Conxo reflicte que dende os seus inicios o nacionalismo galego (chámese provincialismo, rexionalismo, autonomismo, ou galeguismo segundo a época) estivo unido aos sectores máis populares, neste caso á clase operaria que daba os seus primeiros pasos
As Irmandades da Fala, o Partido Galeguista, as organizacións fundadas na emigración e no exilio polo galeguismo, conmemoraban entre outras datas senlleiras da historia da nación galega o Banquete de Conxo. Realizado o 2 de marzo de 1856 en Conxo, na contorna de Compostela. Unha data que sen dúbida tamén é importante para a clase obreira galega xa que é a primeira vez que se lle dá un protagonismo especial como suxeito político-social. A iniciativa foi de Aurelio Aguirre, poeta, persoa con predicamento entre os obreiros e estudantes de Santiago de Compostela, e divulgador das ideas socialistas entre a clase operaria (esencialmente artesáns). Estas ideas agromaron en certos sectores, como os tipógrafos, e cidades como Compostela e Pontevedra. A esta tarefa divulgativa sumáronse ademais Rodríguez Seoane, Indalecio Armesto, Paz Novoa, etc.
A Galiza daquel intre estaba padecendo os últimos anos dunha etapa depresiva, que encetara en 1817, tiña unha poboación de 1.800.000 habitantes que representaba o 12% do total do Estado español. Dende finais do século XVIII, o millo, as patacas e as fabas permitiron unha mellor base alimenticia. Había só dúas grandes empresas, a fábrica de Tabacos da Coruña e os estaleiros de Ferrol. Hai protestas obreiras anteriores, especialmente pola introdución polos cataláns de novos xeitos de pesca que lles dan o monopolio. Os motíns de 1757 en Corcubión e Cee, repítense no ano 1763 en Redondela e bisbarra de Vigo, e en 1782 na Coruña, ate chegar aos gravísimos acontecementos da Ría de Muros e Noia en 1812.
O banquete viña precedido pola insurrección liberal de 1846, ou sexa, polo provincialismo anticentralista que denunciaba a colonización de Galiza pola Corte española; pola dura represión e a fuxida de moitos dirixentes a Portugal, entre eles Antolín Faraldo. Sería o segundo gran exilio, en palabras do historiador Emilio González López, só comparábel ao que provocou Enrique de Trastámara no século XIV, cando a maioría da nobreza galega se exiliou no veciño país irmán.
O xantar tiña como finalidade realizar un encontro fraternal entre estudantes e traballadores, coa evidente intención de lle dar continuidade e aumentar os lazos da clase obreira e do estudantado. O acto foi censurado polas autoridades desde o seu anuncio, e enriba dos organizadores caeron excomuñóns da xerarquía relixiosa, nunha época na que isto era unha condena pública. Seica as “damas composteláns poñían velas aos santos” temendo unha repetición do que pasou en París en 1848, onde a insurrección comezou cun banquete semellante. A carballeira estivo arrodeada por soldados mentres durou o xantar. As verbas máis radicais foron as de Pondal, tan clerical posteriormente. Denunciados por sediciosos Pondal e Aguirre foron ameazados con ser deportados ás illas Marianas no océano Pacifico, daquela colonia española.
O banquete de Conxo reflicte que dende os seus inicios o nacionalismo galego (chámese provincialismo, rexionalismo, autonomismo, ou galeguismo segundo a época) estivo unido aos sectores máis populares, neste caso á clase operaria que daba os seus primeiros pasos. Aquela unidade entre estudantes e obreiros é un símbolo e unha guía, especialmente nun mundo como o actual no que os asalariados/as representan a maioría social, e sobre todo unha necesidade imperiosa para avanzar nunha sociedade máis xusta, soberana e solidaria. Sería bo non esquecer, reflexionar e poñer en valor, os resultados desa unidade de acción. Máxime cando o capital fai tantos esforzos por evitar a unidade/solidariedade nas loitas comúns e especificas entre a clase obreira, labregos/as e o estudantado. Un unidade de acción obreira-estudantil que se deu en moitas mais oportunidades, por exemplo durante as folgas xerais de 1972.
[Galiza, 7 de marzo de 2023]