O Banco Santander, a administración concursal e a lentitude da xustiza impiden que os traballadores de Catisa poidan cobrar
Anos despois da sentenza xudicial que lles daba a razón, os traballadores e as traballadoras galegas das empresas Catisa e Hormigones La Estrella reclaman unha solución ao bloqueo xudicial que padece este caso para, dunha vez, pasar páxina e saber se poderán percibir a parte das indemnizacións que teñen pendentes de percibir. Cómpre lembrar que estes traballadores (arredor de 30 persoas) foron os únicos que no seu día presentaron demanda de extinción dos contratos. O xulgado do social deulles a razón, recoñecéndolles unha indemnización de 45 días por ano traballado, en vez dos 20 cos que a empresa (do grupo Martínez Núñez) pretendía liquidalos.
Porén, "até o de agora, cobraron 30 días (10 máis por cada ano traballado que o resto de traballadores/as que non demandaron daquela), que aboou o Fogasa e, por desgraza, este retraso fai que cada día sexa máis complicado chegar a cobrar o que resta” afirma Afonso Losada, responsábel da CIG-Construción de Lugo-A Mariña.
O Banco Santander alonga a agonía
Preguntado sobre o porqué deste atraso, Losada amósase contundente ”é un cúmulo de inoperancia da administración concursal por un lado e das continuas impugnacións, recursos e dilatacións que os diferentes actores do proceso están a impoñer, cun actor principal, que é o Banco Santander, que coa súa oposición, derivada da pretensión de cobrar a totalidade da súa débeda hipotecaria, está a alongar unha agonía xa insoportábel”.
Sobre a situación actual, aclara que neste momento están pendentes de executarse a liquidación total dos activos da empresa para que, acto seguido, se poidan empezar a afrontar as débedas da empresa cos seus acredores, entre os que están os traballadores e as traballadoras.
"Por desgraza, a venta dos activos está a ser desesperadamente lenta, o que limita a posibilidade de chegar a cobrar todo xa que se están a gastar os cartos recadados até o de agora en vixilancia, pagos á empresa liquidadora, gastos correntes etc; e se produce unha devaluación dos activos, acrecentados coa alarma producida polo saqueo e pillaxe ao que se viron sometidas as instalacións na canteira do Bierzo", advirte.
Por iso, a CIG demanda axilidade e claridade á administración concursal e ao xulgado do mercantil madrileño que reabriu o concurso. “Os traballadores están fartos desta situación. Levan anos agardando e só queren cobrar o que lles pertence para poder deixar atrás isto e seguir coas súas vidas e os seus traballos actuais”, remata Afonso Losada.