O Banco Mundial atrapado nas súas contradicións sobre a pobreza
As políticas de axuste estrutural (a redución dos orzamentos sociais, a recuperación de custos nos sectores de saúde e de educación, a agricultura destinada á exportación e a redución dos cultivos de horta, o abandono da soberanía alimentaria, etc.), impostas polo FMI e o Banco Mundial desde comezos dos anos 1980, deterioraron as condicións de vida de centos de millóns de persoas no mundo
Nunha publicación de abril de 2024, o Banco Mundial sinalaba que, como consecuencia da crise do coronavirus, 23 millóns de persoas vivirían na pobreza extrema en 2020-2021: “En 2022, un total de 712 millóns de persoas vivían na pobreza extrema en todo o mundo, un aumento de 23 millóns en comparación con 2019”[1]. O 15 de outubro 2024, o Banco Mundial declarou que “O obxectivo mundial de poñer fin á pobreza extrema —que se define en 2,15 dólares por persoa ao día— para 2030 está fóra de alcance: podería levar tres décadas ou máis eliminar a pobreza desta liña, que é pertinente en especial para os países de ingresos baixos”[2].
Vaia confesión de impotencia para unha institución que se supón debe contribuír a reducir a pobreza no mundo.
A verdade é que, en lugar de contribuír a reducir a pobreza, as políticas financiadas polo Banco Mundial e o seu xemelgo, o FMI, a reproducen e acentúan.
Os dirixentes do Banco Mundial e do FMI nunca recoñecen o papel eminentemente negativo das receitas e do modelo que recomendan ou mesmo impoñen aos países que recorren aos seus créditos.
Este artigo pretende demostrar que o Banco Mundial tende desde hai décadas a subestimar o número de persoas afectadas pola pobreza. Paga a pena volver sobre un acontecemento que tivo lugar hai máis de quince anos, cando o Banco Mundial admitiu que se equivocou sobre o número de persoas que vivían na extrema pobreza. De feito, en 2008, o Banco Mundial recoñeceu que cometera erros importantes nos seus cálculos sobre a situación da pobreza no mundo, á vez que afirmaba que «as estimacións da pobreza estabelecidas polo Banco Mundial melloran grazas a datos máis fiábeis sobre o custo da vida», a institución descubrira que «viven na pobreza 400 millóns de persoas máis do que nós pensabamos»[3].
E iso era o equivalente a máis da metade da poboación do África subsahariana nese momento! Iso reflicte a falta de fiabilidade das estatísticas publicadas polo Banco Mundial, estatísticas que serven, sobre todo, para avalar as políticas neoliberais ditadas ou impostas por todo o mundo polos seus propios expertos[4].
Segundo o seu comunicado de 2008, «1.400 millóns de persoas que viven no mundo en desenvolvemento, ou sexa 1 de cada 4 persoas, subsistían con menos de 1,25 dólares por día en 2005», mentres que as estimacións precedentes estaban ao redor dos 1.000 millóns de persoas. Con todo, o Banco Mundial non deixaba de se alegrar, xa que o que conta para esta institución non é o número de pobres senón a proporción de persoas pobres. Por que? Porque coa demografía mundial en progresión, esa cifra permite ter ilusións con maior facilidade. Se, por exemplo, o número de persoas pobres é constante, a proporción de pobres baixará mecanicamente ao longo dos anos dado o aumento da poboación mundial. Esa é a razón pola que o obxectivo «do milenio» era reducir á metade, entre 1990 e 2015, a porcentaxe de pobres cuxos ingresos era menores a 1,25 dólares por día.
Pero con eses erros enormes do Banco Mundial nos cálculos sobre a pobreza, era toda a estrutura das políticas internacionais contra a pobreza a que se derrubaba. As políticas de axuste estrutural (a redución dos orzamentos sociais, a recuperación de custos nos sectores de saúde e de educación, a agricultura destinada á exportación e a redución dos cultivos de horta, o abandono da soberanía alimentaria, etc.), impostas polo FMI e o Banco Mundial desde comezos dos anos 1980, deterioraron as condicións de vida de centos de millóns de persoas no mundo. Non faltaron as críticas cara ao Banco Mundial sobre ese tema. Así Thomas Pogge, profesor da universidade de Columbia escribía en 2008: «Os métodos de cálculo do Banco Mundial son extremadamente dubidosos. Hai razóns para pensar que cun método máis acaído se observaría unha tendencia máis negativa e unha pobreza moito máis estendida. (…) En tanto que o método actual do Banco Mundial e os datos que xorden deste conserven o seu monopolio nas organizacións internacionais e na investigación universitaria sobre a pobreza, non poderemos pretender tomar realmente en serio ese problema»[5].
A pouca seriedade dos cálculos do Banco Mundial aparecía moi claramente nesta declaración de Martin Ravallion, un dos principais autores do Banco sobre a cuestión da pobreza: «As estimacións máis recentes da pobreza foron estabelecidas a partir das enquisas realizadas a 675 familias en 116 países en desenvolvemento que representan o 96% do mundo en desenvolvemento.» explicaba Ravaillon[6]. Como se pode pretender publicar cifras fiábeis que atinxen a varios miles de millóns de persoas sobre a base dunha enquisa a 675 familias? Iso si que é admitir falta de seriedade! O propio autor recoñece tamén que, a comezos dos anos 1990, o Banco Mundial se limitaba a enquisas levadas a cabo soamente en 22 países.
En ton diplomático, o propio Martin Ravaillon escribía: «Uns importantes datos novos revelaron que o custo da vida nos países en desenvolvemento é máis elevado do que pensabamos, o que explicaría a magnitude sen precedentes, até o de agora, das modificacións achegadas ás cifras relativas á pobreza no marco da última revisión… »[7].
No momento en que se escriben estas liñas en 2024, o Banco Mundial calcula que unha persoa non vive na extrema pobreza se, residindo nun país en desenvolvemento, dispón de máis de 2,15 dólares diarios. É evidente que iso é totalmente discutíbel. Esa cifra fixa moi baixo o ingreso diario que permite determinar se unha persoa vive por baixo da liña da pobreza extrema. En conclusión, ese baremo de 2,15 dólares por día non constitúe un indicador fiábel e os métodos para extrapolar a escala do planeta o número de pobres non son serios.
Como escribe o economista británico Michael Roberts, se en lugar de 2,15 dólares ao día fixásemos a liña da pobreza extrema en 5 dólares ao día, o 40% da poboación mundial consideraríase extremadamente pobre; se fixásemos a liña en 10 dólares ao día, esta proporción sería do 62% e en 30 dólares, do 85%[8].
Nun informe publicado en 2020, o Banco Mundial escribía : «a loita contra a pobreza rexistra a súa peor regresión en 25 anos. En 2020, a porcentaxe mundial de extrema pobreza debería aumentar por primeira vez en máis de 20 anos, debido á pandemia de coronavirus». No mesmo artigo, os autores do Banco engadían: «o cambio climático podería arrastrar de 68 a 135 millóns de persoas á pobreza contra 2030»[9].
Eses cálculos que realmente se deberían tomar con pinzas, visto os métodos utilizados polo Banco Mundial, indican, no entanto, unha evolución dramática que exixe solucións radicais e urxentes a favor dos dereitos humanos.
O comunicado de prensa publicado polo Banco Mundial o 15 de outubro de 2024 titulábase: «Ao ritmo actual, tardaríase máis dun século en sacar a metade do mundo da pobreza»[10]. No artigo do Banco Mundial de 2010 citado anteriormente, un dos subtítulos dicía: «O mundo en desenvolvemento segue en vías de reducir a pobreza á metade para 2015 en comparanza cos niveis de 1990»[11].
Xa é hora de que nos desfagamos do dúo Banco Mundial-FMI e o substituamos por outras institucións ao servizo da humanidade.
_____________________________________________________________________________
Notas:
[1] Fonte: https://www.bancomundial.org/es/topic/poverty/overview consultado o 22/10/2024
[2] Banco Mundial, «Poñer fin á pobreza na metade do mundo podería levar máis dun século», publicado o 15/10/2024, https://www.bancomundial.org/es/news/press-release/2024/10/15/ending-poverty-for-half-the-world-could-take-more-than-a-century consultado o 22/10/2024
[3] Banco Mundial, «Estimacións da pobreza no mundo en desenvolvemento (posta ao día)», publicado o 17 febreiro 2010 https://www.banquemondiale.org/fr/news/feature/2010/02/17/estimates-of-poverty-in-the-developing-world-updated consultado o 22/10/2024.
[4] Damien Millet e Éric Toussaint, «El Banco Mundial descobre, de vez, 400 millóns de pobres máis» , publicado o 29 de agosto de 2008, https://www.cadtm.org/El-Banco-Mundial-descubre-de-un consultado o 22/10/2024 .
[5] Sanjay G. Reddy e Thomas W. Pogge, ‘How not to count the poor’, 29 outubro 2005, https://papers.ssrn.com/sol3/papers.cfm?abstract_id=893159 consultado o 15/10/2024. Para unha análise de conxunto, Thomas Pogge, Politics as Usual: What Lies behind the Pro-Poor Rhetoric, Cambridge, PolityPress, 2010.
[6] Martin Ravaillon, director do grupo de investigación sobre o desenvolvemento económico no Banco Mundial, «Estimations de la pauvreté dans le monde en développement (mise à jour)»
https://www.banquemondiale.org/fr/news/feature/2010/02/17/estimates-of-poverty-in-the-developing-world-updated , xa citado, consultado o 22/10/2024.
[7] Martin Ravaillon, op. cit.:
https://www.banquemondiale.org/fr/news/feature/2010/02/17/estimates-of-poverty-in-the-developing-world-updated consultado o 22/10/2024.
[8] Michael Roberts, «Como medir a pobreza global», publicado o 14 outubro 2024, https://www.cadtm.org/Como-medir-la-pobreza-global , consultado o 22/10/2024.
[9] Fonte: https://www.bancomundial.org/es/news/feature/2020/10/07/global-action-urgently-needed-to-halt-historic-threats-to-poverty-reduction consultado o 22/10/2024.
[10] Banco Mundial, «Poñer fin á pobreza na metade do mundo podería levar máis dun século», publicado o 15/10/2024, https://www.bancomundial.org/es/news/press-release/2024/10/15/ending-poverty-for-half-the-world-could-take-more-than-a-century consultado o 22/10/2024.
[11] Martin Ravaillon, op. cit.: https://www.banquemondiale.org/fr/news/feature/2010/02/17/estimates-of-poverty-in-the-developing-world-updated consultado o 22/10/2024.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web do CADTM, do 22 de outubro de 2024]