
O balance final do acordo salarial 2022-24 confirma a perda de poder adquisitivo no sector público

As reiteradas denuncias da CIG nestes anos, desde a propia negociación, estaban fundamentadas: o acordo retributivo estatal, asinado por CCOO e UGT co goberno estatal para os anos 2022-2024, supón unha nova perda de poder adquisitivo para os empregados e empregadas públicas.
Rematada a vixencia do acordo que en 2022 asinaron estes dous sindicatos, coa oposición frontal da CIG, a federación do Ensino fai un resumo do acontecido e tira as seguintes conclusións:
- A comezos do ano 2022 CCOO e UGT asinan unha suba salarial do 1,5% cando o IPC estaba daquela no 4% e, no mes de setembro, cando asinan dito acordo, engaden unha suba salarial con carácter retroactivo do 2%. É dicir, un 3,5% en total para aquel ano, cando nese momento levabamos tres meses consecutivos co IPC interanual por riba do 10%. Ao final de ano confírmase o que era obvio, unha perda de poder adquisitivo do 2,8%.
- Para o ano 2023 o acordo fixaba unha suba do 2,5%, ao que se engadirán dúas subas do 0,5%, ao pasar o IPC harmonizado e o PIB do 6%. É dicir, a suba total é do 3,5% rematando o ano cun IPC do 3,10%. A suba por riba do IPC non compensaba a perda do ano anterior.
- No ano 2024 a suba foi do 2%, aumentando un 0,5% máis ao ser o IPC harmonizado dos últimos tres anos maior do 8%. Esta última subida aínda non se sabe cando se fará efectiva mais, en todo caso, nesta análise a CIG xa a computa (quedando no 2,5%) e confirma que a perda do poder adquisitivo do ano pasado foi de 0,3%, ao ser o IPC interanual do 2,8%.
Polo tanto, o balance final destes tres anos dá unha suba salarial do 9,8% fronte a unha suba do IPC do 12,10%. "É dicir, pechamos este trienio cunha suba dos salarios dos empregados e empregadas públicas por debaixo do aumento do custo da vida. Que este sexa o resultado dun acordo sindical fai que sexa todo aínda máis vergoñento e que aconteza nun momento no que se nos intenta vender unha mellora da economía resulta aínda máis rechamante", denuncia a CIG-Ensino.
Perda do 20% dende 2010
Pero para a federación do Ensino aínda resulta máis incomprensible o feito de que se negue a vinculación da revalorización dos salarios ao IPC cando o propio goberno si acepta para as pensións indexar a suba ao IPC medio. "Se se aplicase o mesmo criterio ás retribucións dos e das empregadas públicas que se empregou para as subas destes anos para as pensións, o incremento sería dun 15,8%. É dicir, as nóminas no sector público subiron un 6% menos nestes tres anos que as pensións".
"A dignificación do noso traballo pasa por unhas retribucións xustas e que non se permita que perdamos poder adquisitivo. Porén, levamos máis de 15 anos, con gobernos tanto do PSOE como do PP, sufrindo unha depreciación continuada dos nosos salarios". Así, salientan que desde o 2010 o poder adquisitivo reduciuse en case un 20% (19,69%). Nunca se aceptou a proposta da CIG de incrementar os soldos un 5% cada ano cunha cláusula de revisión salarial.
Todo isto sen esquecer "que seguimos coas pagas extras recortadas, tanto por decisións dos gobernos estatais como do galego". A Xunta do PP negouse a devolver a parte das extras recortadas entre os anos 2012 a 2016, rexeitando a proposta da CIG de negociar un plan de recuperación dese diñeiro arrebatado, que supón unha media de 6300€ para o persoal docente. O goberno estatal mantén o recorte que no salario base e nos trienios das dúas pagas extraordinarias.
A proposta da CIG para 2025: recuperación e vinculación co IPC
- Establecer unha cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e blindada por lei, para garantir que se manteña o poder adquisitivo das e dos empregados públicos.
- Aplicar unha suba salarial do 5% para o ano 2025, como primeiro paso para a recuperación económica do persoal empregado público.
- Negociar a recuperación do poder adquisitivo perdido; cando menos, como froito do último acordo (o que implicaría asumir o que a CIG propuxo no 2022: igualar co IPC ao final do ano se a suba ficaba por baixo dos prezos.