O avogado do TXUE propón que se declare a obriga das empresas a implantar o rexistro de xornada
O Avogado Xeral do TXUE (Tribunal de Xustiza da Unión Europea), propón que o Tribunal declare que a carta e a Directiva 2003/88, impoñen ás empresas a obriga de implantar un rexistro de xornada. A CIG, como parte interesada no Conflito Colectivo contra o Deustche Bank, agarda que "esteamos na antesala dunha sentenza da xustiza europea que deixe novamente en evidencia sentenzas do Tribunal Supremo favorables á banca".
A CIG presentara conflitos colectivos contra Entidades Financeiras pola falta de rexistro de xornada, dentro dunha campaña contra as horas extraordinarias non pagadas nin compensadas e defraudadas á Seguridade Social.
Inicialmente a Audiencia Nacional ditou sentenzas obrigando a establecer este rexistro no caso Abanca (conflito interposto pola CIG) e no caso Bankia (interposto por toda a representación sindical nese banco), pero o Tribunal Supremo español fallou a favor da banca, denegando a existencia dunha obriga de rexistrar a xornada real.
Nun novo caso contra o Deustche Bank, no que a CIG é parte interesada xunto a CCOO, ELA, UGT e CGT, a Audiencia Nacional tivo dúbidas sobre as sentenzas do Supremo, derivando o caso ao TXUE.
As conclusións do Avogado Xeral, habitualmente son a antesala ás sentenzas do TXUE no mesmo senso, pero a día de hoxe non hai sentenza. En todo caso a CIG-Banca asegura que “estas conclusións anímannos a seguir reivindicando que o Goberno do Estado poña en marcha dunha vez a modificación legal, proposta pola CIG e que xa foi aprobada polo Congreso dos e das Deputadas. Se non o fai agora, pode verse obrigado polo TXUE”.
Considera que, por este camiño, “máis cedo que tarde o rexistro de xornada será unha obriga legal para as empresas, o que sen dúbida será unha vitoria sindical fronte aos abusos da banca”.