"O atraso no pago da nómina é un claro exemplo da discriminación que sofre o persoal da residencia de maiores de Sarria"
A CIG de Lugo-A Mariña denuncia o atraso no pago da nómina do mes de xuño ás traballadoras da residencia de maiores de Sarria por parte do Concello. Esta situación, subliñan, "supón unha discriminación para o persoal da residencia con respecto ao resto de empregados/as do Concello, que xa cobraron a súa mensualidade".
A CIG pide que a xestión administrativa da residencia sexa xestionada directamente polo Concello de Sarria, "posto que temos detectado que a existencia de dúas unidades administrativas á hora de xestionar as nóminas ten sido en moitas ocasións o problema de atrasos nos pagos".
Lois Neto, secretario comarcal de Organización apunta que, se as traballadoras son persoal vencellado ao convenio do Concello de Sarria, "non ten lóxica que as súas nóminas sexan emitidas nunha unidade administrativa diferente, para despois ter que ser asinadas pola intervención do Concello. O lóxico é que se xestionaran igualmente ás nóminas do resto do persoal".
A central sindical vén demandando que o persoal da residencia se iguale ao resto do persoal do Concello nos dereitos e condicións de traballo, "pois non é de recibo que unha administración pública teña traballadores e traballadoras de primeira e de segunda. Certo é que se trata dunha problemática de vello, máis todas as actuación levadas a cabo polo actual Goberno municipal foron máis encamiñadas a afondar nas diferenzas e na discriminación que a resolvelas", asevera.