O ano 2025 rematou en Galiza con perda de emprego e cun avance da precariedade laboral

En decembro rexistráronse 459 persoas paradas máis con respecto a novembro e un 22% das traballadoras teñen contratos parciais
Nacional - 05 Xan 2026

Galiza rematou o ano 2025 cun incremento do paro e coa consolidación do avance da precariedade laboral como consecuencia da parcialización do emprego e dos baixos salarios. O mes de decembro rexistrou 459 persoas paradas máis con respecto a novembro, o que eleva a 112.031 as persoas desempregadas.

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, os datos do paro feitos públicos hoxe polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) “evidencian unha vez a problemática do avance da precariedade e do modelo económico do PP en Galiza, baseado na promoción do sector servizos fronte a outras actividades con mellores condicións laborais, como a industria, que rexistrou a maior perda de postos de traballo neste período”. 

Dos 54.700 contratos subscritos no noso país neste período, 40.680 foron temporais

De feito, dos 54.700 contratos subscritos no noso país neste período, 40.680 foron temporais, e moitos deles a través de ETT, “xa que se está a producir un fomento da contratación a través deste tipo de empresas, sobre todo entre a xente moza e as mulleres, que son os colectivos máis padecen o aumento da pobreza laboral”.

Os datos da afiliación á Seguridade Social amosan un medre en sectores como almacenamento e en actividades inmobiliarias, artísticas ou de entretemento, ademais de na agricultura, caracterizadas pola parcialidade, con peores condicións laborais e con menos estabilidade no emprego. “Isto fai que a xente moza altamente cualificada non vexa colmadas as súas expectativas nestes sectores, que son ocupados maioritariamente por persoas estranxeiras. O que provoca un efecto de substitución, porque a xente nova galega emigra en busca de mellores condicións mentres recibimos persoas migrantes que aceptan estes postos de traballo en situación de precariedade”.

O 17,5% das persoas afiliadas á Seguridade Social son a tempo parcial, ao que hai que sumarlle case un 4% de contratos fixos descontinuos. De xeito que arredor dun 22% das persoas afiliadas non traballan ou todos os días ou todas as horas, “polo que carecen dun salario digno co que poder facerlle fronte á carestía da vida”. Por iso a pesar do incremento interanual do emprego e das afiliacións á Seguridade Social, cada vez hai máis traballo parcializado e peores salarios, o que está a provocar un aumento da emigración das persoas con alta cualificación. “Non falta man de obra como moitas veces di a patronal, o que falta é patronal cualificada que sexa quen de crear emprego en sectores con mellores condicións laborais”.