O amplo seguimento da folga parcial pola sobrecarga de traballo en Citroën volve paralizar a produción
A nova xornada de paros convocada para reclamar unha solución á sobrecarga de traballo nas liñas de montaxe de Citroën iniciouse cun amplio seguimento por parte do persoal da quenda de mañá, o que provocou a paralización da actividade na fábrica. Centos de traballadores/as abandonaron os seus postos entre as 10:00 e as 14:00 horas para percorrer as rúas de Vigo en manifestación co obxectivo de socializar unha problemática que está a provocar un aumento das enfermidades laborais na empresa.
Dende as centrais convocantes -CIG, CCOO e UGT- explicaron que entre un 80% ou 90% dos empregados/as da primeira quenda secundou a folga parcial de catro horas, unha cifra superior á rexistrada nos paros do pasado xoves 16 de maio. Agardan unha repercusión similar nas seguintes quendas: na de tarde (de 18:00 a 22:00 horas) e na de noite (de 02:00 a 06:00 horas).
Ao mesmo tempo, denunciaron que a dirección de Citroën intentou boicotear a convocatoria substituíndo o persoal ausente por outros/as traballadores/as, o que obrigou a intervir a Inspección de Traballo, que se desprazou até a fábrica.
Coincidindo co paro da mañá, varios centos de operarios/as percorreron en manifestación as rúas próximas ás instalacións da compañía de automoción ao berro de “montaxe solución” e “Vigo, escoita, Citroën está en loita”. Na mobilización participaron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o máximo responsábel da Unión Comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves.
Xuntanza coa empresa
Dende as tres organizacións sindicais convocantes anunciaron que nos vindeiros días lle darán “unha tregua” á empresa até coñecer o resultado da xuntanza ca manterán coa dirección o vindeiro venres. Con todo, adiantaron que continuarán coas mobilizacións no caso de que non haxa un compromiso por escrito de que se van adoptar as medidas necesarias para rematar coa problemática da cadea de montaxe.
Estas medidas pasan, entre outras cousas, pola contratación do persoal necesario para desenvolver as operacións a un ritmo normal e pola recuperación das actividades externalizadas. De feito, a sobrecarga de traballo, sobre todo na liña 2, está a incrementar os prexuízos físicos e mentais entre os traballadores/as e provoca un aumento das enfermidades derivadas da actividade laboral, así como o medre do absentismo.
Entre os problemas que se queren poñer enriba da mesa con esta campaña de protestas salientan as deficiencias na configuración dos postos de traballo, que fan que non sexan realizábeis “sen andar a correr”, e nos útiles cos que teñen que desenvolver o seu traballo; tamén o feito de que as cargas de traballo estean por riba do tempo do pase de cada coche; a externalización continua de operacións; as alteracións da velocidade; a falta dun mapa dos postos que requiren de esixencia física importante en membros do corpo; así como a ausencia dun tope máximo de cargas para postos ocupados por persoal con limitacións.