O alumnado de secundaria e das universidades galegas irá á folga este xoves 16
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público vén de manifestar o seu apoio á folga convocada para o vindeiro xoves día 16 de febreiro polo estudantado contra a LOMCE, a implantación do decreto 3+2 na universidade, os recortes no ensino público, e en demanda dunha Lei Galega de Educación. No decurso desa xornada están convocadas 23 mobilizacións nas sete cidades e en numerosas vilas galegas ás 12:00 horas por ERGUER e ás 19:00 h pola PGDEP.
En representación da PGDEP, Anxo Louzao, explicou que tanto a folga como as mobilizacións son continuidade da batallada Plataforma contra a LOMCE e as súas consecuencias e contra os recortes que vén padecendo o ensino público desde o ano 2010 “aplicados con todo o empeño polo PP en Galiza”.
Louzao lembrou que “contra o que se pretende dar a entender de maneira propagandística por parte do PP en Galiza e no Estado” a LOMCE segue vixente e as reválidas foron adiadas pero tampouco derrogadas.
Xunto a isto denunciou que se pretende que sexa no marco do Pacto pola Educación, do que non se sabe nada, onde se aborde esta cuestión. “O único que se sabe é que os principios son os da propia LOMCE e que o que se pretende é maquillala para darlle un maior apoio, o que, do punto de vista da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público,é claramente inaceptábel porque mantén un modelo que persegue maior privatización, maior españolización, confesionalidade, elitismo e segregación do alumnado, poñendo en cuestión a igualdade de oportunidades e o dereito á educación”.
Lei galega de Educación
Neste contexto o portavoz da PGDEP considerou que teñen aínda máis relevancia as mobilizacións co obxectivo de que “a LOMCE desapareza, sexa derrogada e se abra un debate amplo con todos os sectores implicados na Educación.
Louzao salientou ademais que a convocatoria de folga e mobilizacións faise baixo o lema “Non á LOMCE, Por unha lei galega de educación”, na procura de que o goberno galego elabore dunha vez unha lei que dea resposta a todas as demandas da sociedade, mellore a calidade do ensino e satisfaga as necesidades do alumnado, tendo como principio a igualdade de oportunidades. Un debate que debe trasladarse ao propio ámbito educativo para abordar unha lei que teña como principios “un ensino galego, público, laico e coeducativo”.
Decreto 3+2
Pola súa banda Iria Figueroa, portavoz de ERGUER. Estudantes da Galiza, subliñou que esta convocatoria de folga atinxe tanto ao ensino medio como ao universitario. No ensino medio para seguir demandando a derrogación da LOMCE e a elaboración dunha lei galega de Educación e no ámbito universitario contra a aplicación do Decreto 3+2.
Neste sentido sinalou que a Confederación estatal de reitores vén de proporlle ao Ministerio de Educación que este decreto se comece a aplicar no curso próximo nos graos de nova creación para logo ir estendendo gradualmente ao conxunto do sistema universitario. “Parécenos inadmisíbel que se leve adiante a aplicación deste Decreto que conta coa oposición frontal do estudantado e que implica a redución dos graos de catro anos a tres para baleiralos de contido e que sexa necesaria unha especialización moito maior a través dun máster que se amplía de un a dous anos, co agravante de que os másteres teñen un prezo de matrícula que é o dobre do que ten o grao”.
Diante disto denunciou que, na liña que inaugura a LOMCE, tamén no sistema universitario “camiñamos cara a unha elitización cada vez maior do ensino, unha eliminación da igualdade de oportunidades e unha total supresión da posibilidade deque todo o mundo poida acceder a un grao e a un título universitario”.
Mobilizacións que se realizarán o 16 de febreiro:
Pola mañá manifestacións ás 12 horas:
- A Coruña (Praza de Vigo).
- Ferrol (diante do Edificio da Xunta).
- Compostela (Alameda).
- Melide (diante do IES de Melide).
- Ribeira (diante do IES nº1).
- Pontevedra (Praza da Peregrina).
- Vigo (Praza América).
- Ourense (diante da Subdelegación do Goberno).
- Lugo (Praza do Seminario).
- Tamén haberá concentracións en Boiro, Vilagarcia, Caldas, Moaña, Cangas, O Barco e Ponteareas.
Pola tarde concentracións:
Ás 19:00 horas:
- Vigo. Diante do Marco (Rúa do Príncipe).
- Pontevedra (Praza da Peregrina).
- Compostela (PrazaRoxa).
- Lugo (diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes).
- A Coruña. Praza de Pontevedra (diante do IES Eusebio da Guarda).
- Ferrol. Praza de Amada García (diante do edificio da Xunta).
- Ourense (Xardíns do Padre Feixóo).
- Cangas (Praza do Concello).
Ás 19:30 horas
- Cee (Praza 8 de Marzo).
- Carballo (Praza do Concello).
- Vilagarcía (Praza de Galiza).