O alcalde de Arteixo ignora a maioría sindical e impón cambios na organización do traballo sen informes técnicos

A representación da CIG denuncia que Calvelo levou á Mesa Xeral unha proposta pechada para recortar o teletraballo e negouse a achegar os informes técnicos que xustifiquen tal decisión
Arteixo - 02 Xul 2026

A representación da CIG no Concello de Arteixo quere denunciar publicamente a forma na que o alcalde, Carlos Calvelo, está a tramitar a nova regulación do teletraballo do persoal municipal. Advirten que o proceso negociador evidenciou unha preocupante maneira de entender a negociación colectiva “con decisións tomadas de antemán, ausencia de vontade negociadora e ningunha xustificación técnica para unha modificación de tanta transcendencia na organización do traballo”.

A representación da CIG advirte que na Mesa Xeral de Negociación, Carlos Calvelo mantivo “inalterábel” a súa proposta de limitar o teletraballo a un máximo de dous días semanais para o persoal técnico e a un único día para o persoal auxiliar e administrativo. “Lonxe de mostrar disposición para alcanzar un acordo coa representación sindical, deixou claro desde o primeiro momento que esa era a súa decisión e que non pensaba modificala. Mesmo manifestou que, pola súa vontade, o teletraballo desaparecería completamente do Concello”, rexeita a CIG-Adminsitración Local.

Entenden que con estas manifestacións fica claro “que a Mesa non foi convocada para negociar, senón para comunicar unha decisión previamente adoptada”.

Durante a negociación, a CIG solicitou expresamente que se incorporasen ao expediente os informes técnicos que avalasen unha modificación tan importante da organización do traballo. “Reclamamos coñecer que estudos, análises ou avaliacións xustificaban reducir o teletraballo, se existían datos que acreditasen problemas na prestación dos servizos, dificultades organizativas ou unha diminución da produtividade que fixese necesaria esta modificación”, sianalan.

Nin un só informe técnico

Para a representación da CIG resulta extraordinariamente grave que se pretenda alterar un modelo organizativo que leva anos funcionando sen presentar unha soa evidencia obxectiva que sustente a decisión. E inciden en que nunha administración pública, “as modificacións das condicións de organización do traballo deben responder a criterios técnicos e a necesidades acreditadas do servizo, non ás preferencias persoais de quen exerce circunstancialmente a Alcaldía”.

A proposta da Concello foi rexeitada pola representación da CIG e da UGT, organizacións que ostentan a maioría da representación sindical no Concello de Arteixo, pero no canto de interpretar ese resultado como unha oportunidade para abrir unha negociación real, “Calvelo anunciou a súa intención de continuar coa tramitación da proposta, ignorando o criterio maioritario da representación do persoal”.

Neste senso, a CIG lamenta tamén a posición adoptada por CCOO e CSIF, que optaron pola abstención ante unha proposta “nun momento no que era necesario enviar unha mensaxe clara fronte a unha decisión unilateral”.

A CIG considera igualmente preocupante a forma na que o alcalde está a exercer a presidencia da Mesa Xeral de Negociación, malia que hai meses anunciou que delegaría esta responsabilidade no concelleiro de Persoal. Porén, esa decisión nunca chegou a consolidarse “e o alcalde comparece ou deixa de comparecer ás reunións sen que exista un criterio coñecido, asumindo persoalmente a presidencia nuns asuntos e ausentándose noutros. O máximo órgano de negociación entre o Concello e a representación do persoal merece estabilidade institucional e respecto, e non pode depender da conveniencia política do alcalde en cada momento”.

A CIG continuará defendendo unha negociación colectiva seria, transparente e baseada en criterios obxectivos, pois “o persoal municipal merece que as decisións que afectan á organización do seu traballo estean sustentadas en informes técnicos, sexan realmente negociadas e conten co respecto debido á representación maioritaria das persoas traballadoras”.