O acordo entre o Goberno, a patronal e os sindicatos estatais nin recupera nin amplía dereitos

O texto aprobado o pasado 28 de decembro mantén as partes máis lesivas da lexislación imposta polo PP en 2012
Nacional - 20 Xan 2022

Nin derrogación nin recuperación de dereitos: a nova reforma laboral aprobada o pasado 28 de decembro polo Goberno español mantén intactas as partes máis lesivas da lexislación imposta en 2012 polo PP. Estamos, pois, ante unha reforma fraudulenta que non avanza na consecución de novos dereitos que fortalezan a clase traballadora nun momento de crise, sobreexplotación e de medre da precariedade.

O RD/Lei saído do acordo alcanzado no diálogo social constitúe un grave incumprimento dos compromisos programáticos do PSOE e UP, que prometeran derrogar a reforma laboral ao chegaren ao goberno. Máis tamén supón que, 10 anos despois, CCOO e UGT avalen a reforma laboral do PP que non asinaron no seu día, renunciando expresamente a reivindicar un marco regulador que responda ás demandas e intereses da clase traballadora. 

CCOO e UGT renunciaron a reivindicar un marco regulador que responda aos intereses da clase traballadora

Con esta modificación lexislativa preténdese consolidar a peor versión posíbel da reforma laboral de 2012, tendo en conta que pivota sobre dous aspectos moi negativos.

O primeiro, a pretensión de configurar un mercado laboral no que o despido sexa case libre pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante e porque resulta absolutamente barato, cuestión que esta non reforma non toca. E en segundo lugar, o feito de que se avance cara a un marco no que se pretende crear unha realidade de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral a través dos cambios introducidos na tipoloxía de contratos, o que agora se chama flexiseguridade, pero que non deixa de ser precariedade.

Ademais, mantense o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despedimentos individuais e colectivos, modificacións substanciais das condicións de traballo e descolgues salariais.

Reforzo do centralismo

Tamén se mantén a estrutura da negociación colectiva, na que a prevalencia dos convenios estatais significa impedir os marcos propios de relacións laborais a través dos convenios autonómicos ou provinciais, que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais.

Deste xeito o protagonismo directo dos traballadores/as vese completamente anulado nunha reforma que reforza e fai prevalecer de forma moi agresiva os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos que contén para regular as condicións de traballo, como son os ERTE.

Non se repón, polo tanto, a estrutura da negociación colectiva anterior a 2010 nin se reverte un dos aspectos máis lesivos: que sigan tendo prioridade de aplicación os convenios de empresa e que estes poidan contemplar peores condicións que de sector.

Mantense a precariedade

Sobre os aspectos presentados como novidosos, referidos á precariedade, á subcontratación e á temporalidade, non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se pecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación. De feito, na nova regulación, estas cuestións limítanse a unha simple transcrición do que xa se estaba gañando a través da xurisprudencia.

Alén diso, foméntase a precariedade cos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será carne de canón da explotación laboral, co complemento perfecto deste “cóctel molotov” que é a lei orgánica de Formación Profesional, xa que a través desa falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios.

Para nada estamos diante dunha derrogación íntegra; no mellor dos casos, estamos ante unha grave actualización da reforma laboral do PP para adaptala ao marco do plan de recuperación da actual crise capitalista, deseñado dende a Unión Europea baixo a marca Next Generation.