A CIG no Concello de Santiago anuncia recurso e mobilizacións contra o acordo que 'repaga' o traballo en domingos e festivos
A sección sindical da CIG no Concello de Santiago advirte que o acordo da Xunta de Goberno do pasado 22 de xullo, polo cal se duplica o pago da festividade ao persoal do servizo da Policía Local e de Bombeiros, establece unhas condicións laborais distintas ás pactadas na Mesa Xeral de Negociación e xera discriminacións retributivas entre o persoal municipal, en función do servizo ao que pertenzan.
Xabier Picón, delegado da sección sindical da CIG no Concello e secretario nacional da CIG-Administración, compareceu este mércores en rolda de prensa acompañado por delegados e delegadas da central para explicar o posicionamento da CIG con respecto a este acordo. Lembrou que o ano pasado se fixo unha modificación do convenio pactada coa representación sindical maioritaria na Mesa Xeral de Negociación, polo que se procedía a pagar os sábados como festivos á policías locais e bombeiros/as e a mellorarlles a compensación do traballo nocturno.
Agora, o acordo da Xunta de Goberno estende a compensación do pago da festividade pactada para os sábados tamén aos domingos e festivos. "É dicir, os servizos de policía e extinción de incendios, que viñan cobrando dende 1991 un complemento específico polo seu traballo en domingos e festivos, seguirán a cobrar ese complemento e ademais o novo complemento diferencial por traballar eses mesmos días, co que es producirá un “repago” do traballo en domingos e festivos", explica Picón.
Advirte que deste xeito se establece un tratamento discriminatorio entre o persoal, xa que mentres para estes dous colectivos se duplica a compensación, para o resto dos traballadores e das traballadoras mantense a mesma compensación por traballar en domingos e festivos.
Critica ademais que este "repago" se aprobe sen dar solución á escaseza efectivos nestes dous servizos, a causa da que se están a realizar centos de horas extraordinarias "e se chegan a duplicar os soldos". "Non é de recibo que se repartan estes sobresoldos cando se poderían crear no Concello máis de 40 postos de traballo" polo mesmo custe.
300.000 euros para o repago pero o complemento da carreira adiado en tres anualidades
Xunto a isto, Picón lembrou que en 2019 chegouse a un acordo co Goberno local para adiar en tres anualidades o pagamento do complemento de carreira de todo o persoal, xa que o Concello alegou imposibilidade para abonalo completo polos límites establecidos na Lei de Orzamentos. Mais agora, "si se poden aprobar 300.000 euros de repago da festividade".
A este respecto, a CIG teme que o acordo de Goberno teña o reparo suspensivo de intervención, pois adoptouse coa advertencia do secretario xeral do Pleno da ausencia de informes de fiscalización.
"Baixo a falsa aparencia de interpretar o pactado, na práctica este acordo da Xunta de Goberno agocha a modificación dos acordos colectivos e obvia, ademais, a negociación coa representación sindical maioritaria", xa que o Goberno municipal tratou este cambio cos sindicatos que non teñen representación na Mesa Xeral. Engade o representante da CIG que este acordo racha co carácter unitario do convenio colectivo e co equilibrio retributivo e non discriminatorio establecido neste.
De igual xeito, Picón criticou o "desprezo amosado polo Goberno de Sánchez Bugallo cara a representación maioritaria elixida polo persoal do Concello nas eleccións sindicais, para favorecer a sindicatos que non teñen representación na mesa xeral". Así mesmo valorou que este tipo de prácticas e decisións constitúen "un desprezo polo traballo da maioría dos e das profesionais municipais".
Por todas estas razóns, a sección sindical da CIG no Concello de Santiago presentará recurso contencioso-administrativo contra o acordo e anuncia a convocatoria de mobilizacións para o mes de setembro, esixindo que se anule este acordo "e se volva á negociación colectiva de boa fe".