O 97% do persoal fixo de Viza secunda a primeira xornada da folga indefinida para reclamar un convenio digno
O paro indefinido convocado pola maioría do comité de empresa de Viza Automoción (CIG, CCOO e UGT) tivo un seguimento masivo entre o persoal da fábrica, o que fixo que a produción se manteña practicamente paralizada.
As centrais calculan que un 97% dos empregados/as con contrato indefinido secundaron a folga para reclamar un convenio colectivo digno, o que deixou a produción practicamente parada, xa que só accederon ao seu posto algúns eventuais e parte do persoal técnico e de oficinas.
Coincidindo coa convocatoria, a representación dos traballadores/as mantivo unha nova xuntanza coa dirección para intentar desbloquear o conflito, encontro que volveu rematar sen acordo. Tras o fracaso da reunión, as partes acudiron á mediación laboral.
Ao mesmo tempo, os traballadores/as concentrados/as ás portas da compañía dende primeira hora da mañá celebraron unha asemblea na que analizaron o seguimento da folga e infirmaron sobre os contactos coa empresa e coa mediación laboral.