O 90% do persoal de EXTEL secunda a folga para esixir unhas condicións laborais e uns salarios dignos
Máis do 90% dos traballadores e das traballadoras de EXTEL están secundando este mércores unha xornada de folga de 24 horas na plataforma da Coruña para esixir que se respecten os seus dereitos laborais e salariais e que a empresa sente negociar coa representación social para buscar solucións ás reivindicacións que lle veñen trasladando dende hai meses. Con motivo do paro, o persoal realizou unha concentración este mediodía diante das oficinas que a empresa ten en Matrogrande.
Entre outras problemáticas, a sección sindical da CIG en Extel salienta os erros constantes no pago dos incentivos, as presións e acosos ao persoal, a imposición de cargas de traballo inasumíbeis, a falta de formación, as dificultades para conciliar ou a ausencia absoluta de diálogo coa representación social. Esta falta de interlocución coa dirección é tal que "nin nos días previos nin durante a xornada de folga a empresa mantivo ningún contacto coa representación social para tratar as nosas reivindicacións".
Repítense os erros no cálculo dos incentivos
Neste senso, subliñan dende a sección sindical, "hoxe mesmo cobramos as nóminas e volve haber erros no cálculo dos incentivos. Hai traballadoras e traballadoras que xa acumulan unha débeda de 1.000 euros por causa do abono incorrecto dos incentivos, que a empresa sempre paga á baixa". Esta parte variábel do salario pode supor 200 ou 300 euros ao mes, nunha compañía na que a maioría dos soldos están nos 700 euros/mensuais.
Esta situación, engaden, repítense de xeito constante dende o pasado mes de marzo, e a pesar das reclamacións da parte social, "a empresa fixo caso omiso", polo que hai traballadoras/es que tiveron que presentar papeleta de conciliación no SMAC para poder cobrar o que legalmente lle corresponde, dándose moitos casos nos que a conciliación rematou sen acordo e noutros a empresa nin sequera se presentou.
Presións para acadar os obxectivos
Dende a sección sindical da CIG advirten tamén do deterioro das condicións laborais polos obxectivos "cada vez máis inacadábeis" que impón EXTEL ao seu persoal, sen achegarlles nin sequera a formación adecuada para desenvolver o traballo e exercendo presións continuadas para incrementar as vendas. O persoal tamén sufre cambios constantes e arbitrarios de departamento, ten que traballar en postos con falta de hixiene e con material en mal estado, e vese na obriga de simultanear a atención das chamadas coa realización dos trámites administrativos.
Xunto a isto, denuncian as dificultades para conciliar a vida laboral e familiar e que a empresa non convoca o comité, nin contesta aos escritos e solicitudes trasladadas polo órgano de representación ou as distintas seccións sindicais. Por esta razón, a CIG xa ten presentada denuncia no xulgado por vulneración dos dereitos fundamentais.