O 90% do persoal das oficinas de Abanca secunda a folga en demanda de mellores condicións salariais e laborais
Co 90% do persoal da rede comercial parado e a práctica totalidade das oficinas pechadas, a folga convocada por CIG e ASCA este xoves en Abanca está sendo un rotundo éxito. As traballadoras e os traballadores visibilizaron as súas demandas a prol de melloras salariais e laborais nunha multitudinaria manifestación polas rúas da Coruña na que participaron máis de 1.100 persoas.
Ao berro de "traballamos en Abanca e o salario non alcanza", "Botas, Escotet debédesnos o IPC" ou "a presión comercial é acoso laboral", a mobilización saíu pasadas ás 11:30h do Obelisco cara á Praza de Pontevedra, seguiu por Juan Flórez e baixou pola rúa Ferrol para regresar polos Cantóns até rematar diante da Oficina Principal de Abanca.
Con esta xornada de folga, o persoal reclámalle a empresa que abra unha mesa de negociación para recuperar o poder adquisitivo perdido e os dereitos laborais recortados en cada un dos sucesivos expedientes de regulación aplicados dende 2010. ERE que, denunciou o secretario da sección sindical da CIG, Clodomiro Montero, lle serviron a entidade para destruír centos de postos de traballo, precarizar as condicións laborais e ampliar os horarios de traballo.
Subliñou que os traballadores e as traballadoras de Abanca perderon arredor dun 25% da súa capacidade adquisitiva nos últimos 13 anos "pero agora que a entidade ten uns beneficios históricos e multimillonarios, e que o seu propietario está no quinto posto da lista Forbes dos máis ricos do Estado español, non quere reverter os recortes que se nos impuxeron".
De feito, as nóminas que ten o persoal a día de hoxe son inferiores ás de 2010. "Temos os salarios máis baixos do sector financeiro, os horarios máis estendidos (traballamos máis tardes e durante máis meses que no resto de entidades) e unha presión comercial desmedida, que amplían e cambian segundo se van cumprindo os obxectivos".
Medra a temporalidade
As centrais convocantes denunciaron a destrución de emprego estábel mentres medrou a temporalidade, nomeadamente a través da utilización de contratos en prácticas para a cobertura de postos estruturais, ou contratos a tempo parcial. Isto provocou unha precarización do emprego e das condicións laborais dese persoal, moitas veces desprazado a oficinas fóra do seu lugar de residencia. "Hai compañeiros e compañeiras traballando por 800 euros ao mes desprazadas fóra das súas casas", criticou.
Ademais, explicaron que o persoal leva anos demandando medidas para garantir a seguridade nas oficinas ante o incremento do número de roubos (nomeadamente en Ourense e Pontevedra), mais Abanca négase a reforzar a seguridade alegando falta de orzamento. "En cambio, hoxe comprobamos como en todas as oficinas puxeron un vixilante de seguridade, aínda que están pechadas pola folga".
"O que reclamos, reiterou Montero, non é nin máis nin menos que senten negociar coa representación sindical, pero o banco nin contesta". Por iso, ao remate da manifestación diante da OP xa se adiantou que "ou Abanca muda a súa política ou o conflito continuará adiante até conseguir os nosos obxectivos".