O 70,7% das novas desempregadas son mulleres do sector Servizos, o máis castigado pola precariedade e a temporalidade
A cada vez maior dependencia de Galiza do sector Servizos fai estragos no emprego. Así o confirman os datos de paro rexistrado que vén de facer públicos o SEPE e así o considera o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, que demanda un cambio de modelo produtivo e a derrogación das reformas laborais de PP e PSOE para recuperar a negociación colectiva e mellorar así as condicións laborais, salariais e sociais da clase traballadora galega.
Os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro de 2023 amosan un medre do desemprego de 2.826 persoas, un 1,99% máis que rematou o mes de decembro, situando o número de persoas anotadas como desempregadas no SEPE en 142.222. A redución do emprego no sector servizos, que se saldou con 3.100 persoas desempregadas a maiores, non foi compensado polo leve descenso que se rexistrou no resto dos sectores.
Os datos confirman pois, para González Sío, “a febleza da estrutura produtiva que hai en Galiza” porque, “unha vez remata o período de rebaixas e a campaña de Nadal, aumenta o desemprego no sector Servizos”. Un sector que, subliña, “está moi feminizado e ten un alto grao alto de temporalidade e estacionalidade na contratación fixa”.
O secretario confederal de Emprego denuncia ademais que a maioría das persoas que desenvolven a súa actividade neste sector “sofren contratos fixos descontinuos”. Por iso rexeita a euforia do goberno e do Ministerio de Traballo, porque “por máis que queiran poñer a estas traballadoras e traballadores nas estatísticas como indefinidos, vese que son temporais e que, no momento no que hai unha redución da actividade, van ao paro”.
González Sío tira dos datos tamén para denunciar o feito de que, debido ao maior peso que as mulleres teñen no sector servizos, o 70,7% das novas persoas desempregadas son precisamente mulleres.
Sen recuperación no sectores produtivos
Os datos amosan ademais a debilidade do mercado laboral galego xa que tampouco hai recuperación noutros sectores produtivos, o que, ao seu entender, “faría que houbera máis estabilidade e máis fortaleza da estrutura económica de Galiza”.
Nese sentido apunta que o descenso do paro foi case ridículo no sector Industrial –só 56 persoas desempregadas menos”, como tamén o foi na Construción -117 persoas desempregadas menos-. Descensos que, xunto coas 9 persoas desempregadas menos no sector primaria, “non permiten compensar o incremento do paro que houbo no sector Servizos”.
Canda isto, os datos constatan que as provincias do litoral, as que teñen maior poboación e máis actividade con respecto á campaña de Nadal e ao turismo, son nas que máis aumenta o desemprego.
Cambio de modelo produtivo
Por iso o secretario confederal da CIG reitera a demanda da central sindical dun cambio de modelo produtivo “porque non pode estar baseado no sector Servizos, que ten que ver fundamentalmente co turismo e con actividades moi estacionais”.
Lonxe disto, insiste na necesidade de reactivar o sector industrial, “xa que é o que reactiva o resto de actividades económicas e fai que haxa mellores condicións laborais”. Xunto a isto, considera que os datos van confirmando tamén que “a reforma laboral, máis alá dos datos estatísticos non solucionou nada”.
Por iso a CIG reafírmase na súa exixencia da derrogación das reformas laborais de 2012 do PP e do 2010 do PSOE, para “poder contar coas ferramentas necesarias, desde a negociación colectiva e dos convenios, poder conseguir unhas condicións laborais mellores e que se reactive a forza que tiñan antes as traballadoras e traballadores á hora de negociar os convenios”.