O 60% dos contratos indefinidos asinados en maio foron fixos descontinuos ou a tempo parcial
Galiza pechou o mes de de maio cun total de 146.120 persoas rexistradas como desempregadas no SEPE, o que supón 4482 persoas paradas menos con respecto a abril. O descenso do paro no noso país atinxiu o 2,98%, mentres no conxunto do Estado español foi do 3,29%. O sector servizos, con maior precariedade laboral e parcialidade na contratación, foi novamente no que máis novos contratos se rexistraron. De feito, arredor do 60% dos contratos indefinidos subscritos neste período foron fixos descontinuos ou parciais.
Paro rexistrado por sectores.
|
|
|
Evolución |
|
Sectores |
2022 |
2022 |
Mensual |
|
|
Abril |
Maio |
Absoluta |
% |
Sector primario |
5481 |
5406 |
- 75 |
-1,37 |
Industria |
16.501 |
15.952 |
- 549 |
-3,33 |
Construción |
10.754 |
10.447 |
- 307 |
-2,85 |
Servizos |
105.752 |
102.459 |
-3293 |
-3,11 |
Sen emprego anterior |
12.114 |
11.856 |
- 258 |
-2,13 |
|
150.602 |
146.120 |
-4482 |
-2,98 |
Fonte: SEPE.
Estes datos colocan a Galiza como o quinto territorio do Estado onde menos descendeu o desemprego, nunha época na que adoita producirse un descenso estacional do desemprego vinculado á proximidade do verán. No que ten a ver coa aplicación da nova reforma laboral, o 60% dos contratos indefinidos que se asinaron son fixos-descontinuos ou a tempo parcial.
Segundo advirte o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, isto vai provocar un descenso nas rendas que agudizará a carestía da vida que está a sufrir en especial a clase traballadora. “Máis tendo en conta que a inflación en Galiza está no 9,1%, o prezo dos alimentos medou por enriba do 10% e a enerxía encareceuse un 40%, e aínda por riba soben os prezos da vivenda e van aumentar tamén as hipotecas”.
Polo tanto, para o responsábel sindical atopámonos “na peor das situacións, porque nun momento especialmente grave pola carestía da vida vaise producir unha redución dos nosos salarios”.
Ao mesmo tempo, os datos amosan que coa aplicación da reforma laboral o número de contratos indefinidos descendeu con respecto ao total dos contratos, manténdose máis ou menos nos mesmos números que en 2021: preto de 70.000. “O único que sucedeu, que temos comprobado, é que os contratos de obra e servizo que eran temporais e que podían ter até tres anos de contratación continuada pasan a transformarse en contratos fixos descontinuos”.
Por iso Sío critica que “ese foi o gran 'logro' da reforma laboral: vai haber moitas persoas traballadoras con contrato indefinido pero van estar longas tempadas da súa contratación na casa e cobrando o desemprego, se o teñen, ou senón intentando ter dous empregos”.
Ingreso do salario mínimo
Ademais, a taxa de desemprego sitúase no 11,4%, cando a media europea é do 6,8%, “polo que no Estado español no está a suceder nada que non suceda en países de Europa nos que o descenso do paro é moito máis acentuado; por moito que se congratule o Goberno español, somos o segundo país coa taxa de paro máis alta despois de Grecia; estamos na cola e non deberiamos ser tan triunfalistas nunha situación de tanta dificultade, mesmo para as persoas que teñen traballo; non se pode actuar como se estivésemos na mellor das situacións posíbeis, cando nos atopamos nunha situación moi preocupante, como se pode ver todos os días coa mobilización social, sobre todo pola negociación colectiva, que hai nas empresas e na rúa”.
De feito, segundo os datos de Facenda hai 400.000 persoas (o 40% da clase traballadora) que declaran como ingresos o SMI, “cantidade que vai aumentar exponencialmente na situación na que estamos”. A xuízo de Sío, todos estes factores van poñernos nun contexto “moi grave e perigoso” no que ten ver coa situación económica de moitas familias. Especialmente polo aumento da parcialidade, “xa que estamos vendo que a pesar de que descende a contratación temporal os contratos temporais a tempo parcial que se realizan son máis do 36%, polo que as persoas traballadoras temporais van ter tamén o seu salario parcializado nun momento tan complicado”.
En consecuencia, considera necesario revisar o concepto precariedade, xa que habería que ter en conta os ingresos mensuais dunha persoa e non tanto a situación da súa contratación, “que queda moi deturpada coa entrada do contrato fixo descontinuo”.