O 26 de febreiro será un día histórico para o persoal das auxiliares: os acordos integraranse no convenio de maneira indefinida
O vindeiro 26 de febreiro, na Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol e coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, procederase á ratificación dos acordos para a industria auxiliar de Navantia por parte das organizacións sindicais e a nova asociación patronal do sector. Deste xeito, os acordos -que agora xa están incluídos no convenio provincial como disposición transitoria- pasarán a formar parte do convenio de siderometal da Coruña de maneira indefinida e homologados a calquera outro concepto salarial recollido neste marco regulador.
A confirmación da data chegaba onte mesmo, logo da CIG-Industria instar no Consello Galego de Relacións Laborais unha nova mediación do AGA con este único obxectivo, tal e como se acordara durante a sinatura do acordo.
Cómpre lembrar que no acordo asinado o pasado 15 de novembro recollíase que, para solucionar calquera problema de lexitimidade, as empresas do sector naval público da ría de Ferrol se constituíran en asociación patronal (algo que fixeron mesmo antes de rematar o prazo previsto de catro meses) co único obxecto de ratificar o acordo coas organizacións sindicais máis representativas, pero sen iniciar unha nova negociación. A partir dese momento, o acordo sería incorporado como disposición adicional ao convenio provincial, con toda a forza normativa e a ultraactividade deste último.
Esta ratificación é a que se vai producir o vindeiro 26 de febreiro, "de maneira que a partir desa data os acordos estarán dentro do convenio do metal de maneira indefinida, ao aplicárselle a ultravixencia deste, e estarán homologados a calquera outro concepto salarial recollido no convenio", subliñan dende CIG-Industria de Ferrol.
Regulación e estabilidade para o persoal do sector
Deste xeito, todas as empresas auxiliares que operen dentro dos estaleiros de Fene e Ferrol terán obriga legal de aplicarlle aos traballadores e traballadoras destinadas nestas instalacións as condicións económicas recollidas no acordo. Regúlase así o sector e dáselle unha estabilidade que non tiña, xa que os acordos alcanzados en 2001 entre industrias e sindicatos carecían de eficacia normativa.
Dende CIG-Industria felicitan novamente a todos os traballadores e traballadoras das auxiliares por este logro, que só foi posíbel "grazas á loita constante do persoal". "A súa forza, unidade e determinación na pelexa pola recuperación do seus dereitos permitiu superar as trabas e reticencias da patronal provincial do metal, e demostrar que si se podían meter os acordos no convenio provincial e que non era preciso negociar previamente un convenio en Ferrol das auxiliares".
Nesta liña, destacan que non hai outro subsector dentro do convenio do metal da Coruña que afecte a un volume semellante de traballadores/as (estamos a falar dun colectivo potencial de 4.000 persoas) e que teña tanta incidencia social nunha comarca, como a industria auxiliar de Navantia en Ferrolterra.