O 25 de xullo é o Día da Patria Galega
A CIG defínese como unha organización nacionalista porque Galiza é unha nación sen soberanía política, sometida e dependente económica, política e culturalmente. A procura da nosa soberanía e o exercicio do dereito de autodeterminación son para nós irrenunciábeis. Desde a nosa independencia e autonomía sindicais, reclamámonos parte do movemento nacionalista galego.
O dereito a decidir, á autodeterminación, é un dereito universal de todas as nacións. Galiza como nación e pobo ten o dereito a exercer a libre determinación e a poderse gobernar por si mesma con total independencia e sen inxerencias externas. Este dereito colectivo e democrático é antidemocraticamente negado polo Estado español.
Ningún dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorabelmente aos intereses do noso pobo se este non toma consciencia da súa propia identidade e traduce esa consciencia en organizacións propias e soberanas. A CIG é expresión da autoorganización das traballadoras e dos traballadores galegos.
O exercicio da soberanía contribúe á transformación social e económica e a mellorar substancialmente a calidade de vida da clase traballadora. Son, por tanto, o nacionalismo e a autoorganización do pobo e da clase traballadora os que nos fan avanzar cara a soberanía, debilitar o imperialismo e facilitar a democratización e a emancipación social.
Desde a CIG consideramos de vital importancia, para situármonos como clase traballadora nunha posición de fortaleza que nos permita ser máis eficaces na nosa loita por recuperar e mellorar en dereitos e condicións de vida, a nosa reivindicación estratéxica de facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais. Con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación no mundo do traballo en Galiza, como exercicio dun dereito democrático e sobre todo como unha necesidade para poder garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para toda a clase traballadora galega.
Conquista de dereitos
Por todo isto, a razón de ser da CIG é desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego hai que conquistalas, non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social.
As políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego hai que conquistalas, non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social
Na crítica situación actual, na que a carestía da vida e a guerra teñen lugar ao tempo que o PP fai uso en moitas ocasións das políticas neoliberais que o Goberno español executa de acordo á UE, Galiza e o pobo galego estamos vivindo unha acción de desmantelamento masivo do país ao negarse a un desenvolvemento galego propio.
Realidade que nos compre confrontar porque fía o futuro a reforzar a dependencia económica, política e cultural de Galiza ao sistema español, intensificando a colonización, espolio e depredación dos nosos recursos, aumentando a emigración e o empobrecemento das clases populares.
Por todo isto, desde a CIG facemos un chamamento ao conflito na rúa e na negociación colectiva, a xerar dinámicas mobilizadoras para garantir o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, a nosa capacidade de decidir nós de forma democrática as nosas condicións de traballo, os nosos salarios e a facer fronte á precariedade e pobreza laboral.
Son tempos de loita. Na nosa man, na nosa vontade de mobilización está poder confrontar esta situación. Procurando máis esforzos na construción de organización social, de poder popular, para conquistar políticas alternativas coas que avanzar na conquista de dereitos, a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra, coas que facer realidade unha Galiza ceibe e sen explotación.