O 17 de Maio, “Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego”
O 17 de Maio, Día das Letras Galega, volveremos a reclamar na rúas das cidades e vilas galegas, convocadas pola plataforma Queremos Galego, LIBERDADE, IGUALDADE E XUSTIZA PARA O GALEGO. O día en que festexamos o rexurdir literario do noso idioma no século XIX, temos que denunciar que a nosa lingua esmorece coa perda de falantes entre a mocidade e que en demasiados lugares e contextos falarmos galego convértenos en estranxeiros no noso País.
Ao contrario do que sucede con linguas como o catalán ou o éuscaro, o galego retrocede de forma alarmante na consideración social e no uso. Por isto segue sendo necesario e urxente que actuemos situando a reivindicación do dereito ao uso normal da nosa lingua nun lugar preferente, ante uns poderes públicos que temen a diversidade, temen o plurilingüismo auténtico que tería que ser bandeira nun Estado que fose verdadeiramente democrático.
Queremos un novo Rexurdimento para a nosa lingua porque temos dereito a unha xustiza en galego, a un ensino en galego en todas as etapas, a unha cultura plena en galego -desde o cinema aos cómics, desde os xornais ás novas tecnoloxías-, a relacionármonos coa adminstración no noso idioma.
Aspiramos á normalidade, a que non se deturpe e se vulgarice o galego nos medios públicos que naceron coa finalidade de potenciar o seu uso e de estender a variedade estándar e non unha especie de dialecto do español.
O próximo 17 de maio, como todos os días do ano, reclamaremos o dereito á LIBERDADE, IGUALDADE E XUSTIZA PARA O GALEGO acudindo ás mobilizacións convocadas por Queremos Galego.