O 17 de decembro Ferrolterra está chamada a secundar folga parcial e a mobilizarse para esixir solucións
Os secretarios comarcais da CIG, UGT e CCOO de Ferrol compareceron este venres en rolda de prensa para facer un chamamento a toda da cidadanía da comarca a secundar a xornada de folga parcial (das 10 ás 14 horas) e a mobilización convocada para o vindeiro xoves, 17 de decembro, en demanda de solucións e medidas para reverter a grave crise industrial e social que viven Ferrol-Eume-Ortegal.
A folga, explica Manuel Anxo Grandal, secretario comarcal da CIG de Ferrol, ten carácter xeral e afecta a todos os sectores laborais entre ás 10 e ás 14 horas. Nese tempo, todas as traballadoras e traballadores e o conxunto da cidadanía están chamadas a participar na cadea humana que unirá os concellos de Ferrol e Narón a través da estrada de Castela e a rúa Galiano. A acción reivindicativa desenvolverase entre ás 11 e ás 13h e a través dela non só se quere denunciar a crítica situación social, económica e laboral, senón reclamar alternativas urxentes para dotar de futuro a comarca.
Unha crise que vai a peor
Con esta medida de presión recupérase a mobilización comarcal que as centrais sindicais tiñan acordada para o mes de marzo, pero que a pandemia obrigou a suspender. "Se entón había motivos máis que sobrados para mobilizarnos agora aínda nos atopamos nunha situación peor", advirte Grandal.
Neste senso, lembra que se aprobaron os Orzamentos Xerais do Estado "que esquecen esta comarca" e están a debate dos Orzamentos da Xunta "que teñen moi pouca consideración por Ferrolterra" e nin sequera en relación aos fondos europeos de reconstrución hai unha aposta clara dos Gobernos por proxectos relacionados cos principais sectores produtivos da comarca e as transformacións que teñen que darse nestas industrias.
"No naval atopámonos con dous anos por diante sen carga de traballo e non se fan os investimentos necesarios nas instalacións; mentres que para as Pontes segue sen haber proxecto industrial de futuro", recalca. Pero aínda máis, subliña Grandal, "cando existe interese político póñense en marcha partidas extraordinarias e liñas de financiamento a través de organismos como o IGAPE para asentar proxectos alí onde hai necesidade e interese". Algo que non está acontecendo coa comarca.
Recuperar a presión social
Este desmantelamento progresivo, continúa o secretario da CIG-Ferrol, arrastra o resto dos sectores. "Aquí hai hoteis pechados non porque baixara o turismo pola pandemia, senón porque non hai pernoctas de persoal que antes viña traballar a Navantia, como persoal técnico, de navieiras etc. E isto inflúe tamén no resto das actividades (hostalería, taxis, comercio, ...), por iso, esta reivindicación compételle a toda a cidadanía".
"Non podemos quedarnos parados diante desta situación", asevera Grandal, animando á participación masiva na folga e na cadea humana, pois "con esta acción pretendemos recuperar toda esa presión social que precisamos para que os Gobernos dean alternativas e solucións de futuro".