Seguimento total na folga en Veolia (auxiliar de Inditex) para esixir a readmisión do compañeiro despedido
Os traballadores e traballadoras Veolia (auxiliar que se encarga do mantemento de Inditex) están secundando este luns unha folga de 24 horas para demandar a readmisión dun traballador despedido sen motivo, despois de pasar 12 anos facendo o mesmo servizo. Para dar máis visibilidade ás súas reivindicacións, o persoal fixo unha concentración diante da sede do grupo téxtil en Arteixo que contou coa participación solidaria de traballadores e traballadoras doutras contratas e da propia Inditex.
Para xustificar o despedimento, Veolia alega que o posto que ocupaba o traballador (mantemento de grupos electróxenos de emerxencia) queda baleiro xa que o servizo vai ser externalizado noutra empresa. Porén CIG-Industria critica que a empresa en ningún momento valorou que o traballador fora recolocado noutros posto ou incluso subrogado pola nova contrata, tal e como acontece noutros traballos que Inditex ten externalizados.
A este respecto, hai que sinalar que días antes de comunicar o despedimento, Veolia procedeu á contratación de dous novos operarios "polo que non estamos ante unha situación de falta de carga de traballo ou recorte de tarefas por parte de Inditex". De feito, a comunicación do despedimento produciuse de maneira fulminante, sen os 15 días de preaviso pertinentes, e mesmo se lle impediu ao traballador acceder ás instalacións para poder recoller as súas pertenzas.
Máis aínda, Veolia argumentou que esta externalización se facía para mellorar o servizo, pero a día de hoxe a nova empresa non se fixo cargo do traballo e son os traballadores de Veolia doutros departamentos quen se están ocupando de manter operativos os grupos electróxenos.
Recortar os dereitos do persoal
Para a CIG-Industria esta decisión haina que enmarcar na ofensiva contra os dereitos laborais que Inditex está levando adiante para evitar que os traballadores e as traballadoras das súas contratas consoliden dereitos, se organicen e melloren as súas condicións de traballo e salariais.
Neste senso, cómpre apuntar que ao pasar de 30 traballadores/as, nas próximas eleccións sindicais en Veolia o persoal podería elixir tres delegados en vez de só un, e entre os compañeiros corría o rumor de que o traballador agora despedido podería ir para representante do persoal.
"Entendemos que o rumor chegou a Inditex, que foi quen ordenou o despedimento", apuntan dende CIG-Industria. Nesta liña, lembran que está aberta dende hai dous anos unha mesa de negociación para mellora as condicións do persoal de Veolia, que tamén está pelexando para que se lle recoñeza o dereito á subrogación como xa existe noutras contratas do grupo téxtil.
Por iso, para CIG-Industria con este tipo de actuacións, a empresa busca dunha banda desfacerse do persoal con máis antigüidade para evitar que consolide dereitos, e doutra crear un clima de medo para que os traballadores non se atrevan a reclamar melloras nas súa condicións laborais e salariais.
Folga indefinida
Así as cousas, os traballadores advertiron que intensificarán as medidas de presión se a empresa non recúa na súa decisión e readmite ao compañeiro Rubén. De feito, xa está convocada folga indefinida a partir das 23h do domingo 9 de maio en rexeitamento ao despedimento e na defensa dos empregos e dos dereitos laborais nesta contrata de Inditex.