O 100% do persoal secunda a segunda xornada de folga na empresa de procesados de Ribeira “Alfrío”

A empresa só contactou co comité de folga para fixar servizos esenciais, sen achegar avance algún na mellora do convenio
Ribeira - 14 Nov 2024

A segunda xornada de folga na empresa ribeirense Congelados Angel López, Alfrío, foi secundada novamente pola totalidade do cadro de persoal. A previsión é que os paros se repitan de novo os días 21 e 28 de novembro e 5 de decembro, á vista de que, polo momento, o único contacto que houbo por parte da empresa foi para fixar os servizos esenciais.

Ante o silencio da dirección da fábrica, Ánxela Martínez, representante da CIG de Ribeira, entende que seguen se estar dispostos a ceder en ningunha das propostas de melloras salariais e sociais presentadas pola parte social.

Así as cousas mantéñense as diferenzas canto á duración do convenio, que a empresa quere que sexa por 3 anos e o persoal por 2, mais tamén no que respecta a incrementos salariais, para o que só ofrece unha suba do 4% no  primeiro ano, do 3% no segundo e do 2% no terceiro.

Fronte a isto, tendo en conta a enorme suba dos prezos da bolsa da compra, a consecuencia da desbocada inflación dos últimos anos, o persoal reclama incrementos dun 5% para este ano e outro 5% para o que vén e, en todo caso, con cláusula de revisión salarial “para que as traballadoras e traballadores non sigan perdendo poder adquisitivo, como ocorreu estes anos”.

A esta demanda engaden o recoñecemento do dereito a percibir o 100% do salario en caso de Incapacidade Temporal e que se redefinan as quendas, que até o de agora foron fixas, de mañá ou de tarde, porque hai xente que quere rotación.

Na negociación a parte social propuxo que se posibilitara rotar á xente que o solicitara, pero a empresa defende que sexa obrigatorio para todo o persoal. Por iso, a representación sindical propuxo, como alternativa, que a quenda de tarde, na que a xente está máis castigada, porque fai xornadas de 9 horas, fose só de 4 días á semana. Cuestión que tampouco foi aceptada.

O persoal rexeita tamén a pretensión da empresa de introducir unha cláusula para que as xornadas foran mesmo de luns a domingo, o que aumentaría, en lugar de reducir, o tempo de traballo.

Martínez denuncia ademais que as antigüidades non só levan anos conxeladas, senón que agora a empresa pretende que desaparezan. Por iso reitera a demanda de que se recoñezan categorías por antigüidade. “Neste tipo de centros non hai postos específicos para que todo o mundo poida ter acceso a outra categoría. Consideramos que unha persoa que leva 5, 10, 15, 20 ou 25 anos non pode quedar como auxiliar toda a vida, sen ter posibilidade algunha de mellorar a súa situación”.