O 100% do persoal de produción secunda a primeira xornada de folga indefinida en IKF da Guarda
Dende a CIG-Construción cualifican de “éxito total” a primeira xornada da folga indefinida convocada na empresa Imerys Kiln Furniture (IKF) da Guarda para rexeitar a dobre escala salarial que a dirección quere manter no tempo, o que supón até 5200 euros menos ao ano de diferencia na mesma categoría laboral. Un nutrido grupo de traballadores/as permaneceron concentrados/as ás portas da compañía dende primeira hora da mañá.
O 100% do persoal de produción e o 70% do persoal técnico e administrativo secundaron o paro para amosar o seu rexeitamento á proposta da empresa de manter durante oito anos máis a dobre escala salarial pactada en 2018 co anterior comité (no actual a CIG ten 4 dos 5 delegados/as).
Segundo este acordo, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5200 euros menos ao ano.
As pretensión da dirección son que nos oito anos de vixencia non se garantiría que o persoal que se incorporase á empresa dende 2018 ou o que a faga a partir de agora recupere o 100% do salario establecido no actual pacto de empresa.
Pacto de empresa
Outro dos motivos que levaron á convocatoria de folga ten que ver precisamente coa renovación do pacto de empresa, que caducou o 31 de decembro de 2020. As partes comezaron a negociar a renovación en abril, mais o acordo non é posíbel porque non existe consenso na actualización salarial, xa que a empresa quere aplicar a suba que marca o convenio estatal, cando hai un pacto de empresa propio.
Ademais, IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde. Isto traduciríase unha liberalización dos horarios a disposición da empresa, o que suporía un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar.