O 100% do persoal de Massimo Dutti das Cancelas secunda a primeira xornada de folga
O 100% das traballadoras e traballadores da tenda da cadea Massimo Dutti que Inditex ten no centro Comercial As Cancelas secundaron a primeira xornada de folga indefinida que comezaba este luns. O persoal concentrouse desde as 12:00 horas na outra tenda da mesma cadea que a multinacional ten na Praza de Galiza para manifestar a súa oposición ao peche do seu centro de traballo e contra as condicións que lles ofrecen como alternativa.
A empresa, para xustificar esta medida, ampárase unha vez máis, no acordo acadado con CCOO e UGT sobre o proceso de dixitalización das vendas que, segundo denuncia a representante da CIG e presidenta do comité de Zara na provincia da Coruña, Carmiña Naveiro, “lle permite pechar tendas, non porque dean perdas senón para obter máis beneficios a custo das traballadoras”, denuncia Naveiro.
O conflito enmárcase no proceso iniciado pola multinacional a principios de 2021 que, en Galiza, xa supuxo peches doutras cadeas nas cidades da provincia da Coruña. Peches que “non van acompañados dun proceso de recolocación para as traballadoras e traballadores afectados con garantía de mantemento do emprego e de condicións laborais e salariais”, explica Naveiro.
Recolocación sen condicións dignas
A representante da CIG-Servizos asegura que as vacantes que ofrece a empresa “non teñen un mínimo de calidade” e que a alternativa que lle queda ás traballadoras e traballadores é a de acollerse a unha praza “en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que lles impiden conciliar”. Unha situación que, afirma, “vai acabar por obrigar a algunhas traballadoras a marchar cunha indemnización mínima”.
A CIG-Servizos critica que Inditex estea a destruír emprego nas tendas precarizando as condicións deste persoal escudándose no cambio de modelo de negocio pactado con CCOO e UGT, cando “o pasado ano foi cando máis millóns de beneficios obtivo”. Beneficios que lle permitirían “recolocar a todo o persoal afectado, garantindo as súas condicións tanto laborais como salariais.”