O 100% do persoal de limpeza de Citroën secunda a folga convocada para denunciar os incumprimentos de Clece en materia laboral
A folga promovida polo comité de empresa de Clece ante os incumprimentos da empresa no que respecta á normativa laboral e aos acordos pactados co cadro de persoal tivo un seguimento total na súa primeira xornada. Os arredor de 250 traballadores/as que integran o cadro de persoal aproveitaron a convocatoria para mobilizarse tanto ás portas de Clece como de Citroën, onde desenvolveron ruidosas protestas.
A concentración diante da sede de Clece, situada na Praza de América, tivo lugar de 11.00 a 12.00 horas, mentres que de 13.15 a 14.15 a protesta trasladouse até as instalacións da fábrica de automoción. Xa pola noite, as mobilizacións continuarán de novo ás portas da empresa de limpeza de 21.15 a 22.15 horas.
Para o sábado hai prevista unha nova convocatoria de folga, aínda que nesta ocasión o cadro de persoal de Clece optará por non desenvolver protestas na rúa. A representación dos empregados/as mantivo unha xuntanza coa dirección este xoves para intentar chegar a un acordo que permitise suspender os paros pero finalmente as partes non foron quen de achegar posturas.