O 100% do persoal de limpeza da Cidade da Cultura colga as fregonas para secundar a folga
O 100% das traballadoras e traballadores do servizo de limpeza da Cidade da Cultura –agás os servizos mínimos- secundaron hoxe a folga de 48 horas convocada en demanda de que se dignifiquen as súas condicións laborais. Mañá martes, día 12 de decembro, concentraranse, a partir das 11:00 da mañá diante da propia Cidade da Cultura.
Coincidindo con esta convocatoria, traballadoras e traballadores concentráronse pola mañá, fregona en man, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para denunciar a discriminación que sofren respecto do resto de persoal de empresas privadas con concesións de servizos de limpeza da administración autonómica, porque teñen condicións diferentes.
Segundo denunciou Paulo Rubido agardan aínda unha xuntanza na que poder abordar a actual situación. O representante da CIG lembrou que o persoal reclama a súa equiparación co resto de traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza da administración pública porque, ademais de ter retribucións anuais inferiores en 2.000 euros ao resto de persoal que desenvolve a súa actividade para a administración autonómica, traballan 4 horas á semana máis e non dispoñen de ningún día de asuntos propios.
Neste sentido Rubido sinala que o persoal leva anos reclamando que se homoxeneicen as condicións laborais de toda a limpeza da administración autonómica, como efectivamente o están nas instalacións principais, nas catro provincias. Explica que a medida que se van ampliando ao resto de entes dependentes da administración autonómica, tamén lle van aplicando as condicións de equiparación co persoal laboral. “Pódese dicir que practicamente só queda a Cidade da Cultura sen equiparar”, afirma.
Intentos de negociación infrutuosos
O representante da CIG lembra que se solicitou formalmente, hai 10 meses, unha xuntanza coa consellaría de Cultura para abordar esta situación e que fora recollida nos novos pregos a equiparación das condicións laborais, “pero seguimos agardando”.
Diante desta situación, continúan coas mobilizacións e con estas dúas novas xornadas de folga nas que as súas fregonas amarelas volverán ser símbolo dun sector que merece dignidade.