O 100% do persoal de Lefties de Marineda secunda o paro convocado contra a discriminación salarial
O 100% das traballadoras de Lefties de Marineda City –agás as/os encargadas/os- secundaron este xoves a folga convocada entre as 12:15 e as 12:45 horas para denunciar a situación de risco psicosocial que padecen e a discriminación que están a sufrir por parte da dirección da empresa e do departamento de Recursos Humanos.
Segundo explica Carminha Naveiro, presidenta do comité provincial de Zara da Coruña e representante de CIG-Servizos, as traballadoras de Lefties, “exercendo as mesmas funcións e con máis carga de traballo cobran menos que as traballadoras de Zara”. Unha situación que persiste e que a empresa non semella disposta a resolver xa que na última xuntanza coa dirección, o pasado martes día 22, “mantivo a mesma actitude”.
Por iso Naveiro advirte que seguirán con mobilizacións e folgas “mentres a empresa non se digne a sentar para resolver esta situación de discriminación e a aplicar as medidas de prevención ás que están obrigados”.
Risco psicosocial
A presidenta do comité provincial de Zara lembra que ao longo dos anos 2014, 2015, 2016, 2018 e 2021, a instancias da CIG, fixéronse avaliacións do risco psicosocial nas tendas Lefties de Zara España da provincia da Coruña. Os resultados destas enquisas foron "desastrosos e alarmantes, tardando a empresa en analizar os mesmos e na maioría das veces nin sequera se chegaron a tomar medidas".
Ademais, no último estudo realizado, en maio de 2021, os resultados demostraron que non só non se corrixiu ningún dos riscos detectados previamente, senón que a situación empeorou en todas as tendas da provincia.
Métodos "antigos, autoritarios e ditatoriais"
Esta situación de risco elevado xa foi denunciada pola CIG ante a Inspección de Traballo e a central atribúea ás deficiencias de organización e de mando que se prolongan no tempo, á propia dirección e a un departamento de Recursos Humanos que utiliza "métodos antigos, autoritarios e ditatoriais".
Porén, malia as reiteradas denuncias da CIG demandando que se adoptaran medidas correctoras de maneira urxente, tal e como obrigan os resultados da enquisa de riscos psicosociais, "a realidade é que a dirección está enquistando este ambiente laboral tenso e nocivo", altamente prexudicial para o persoal.
A empresa rexeitou as propostas da CIG
A representación da CIG achegou unha proposta de medidas correctoras para mellorar as condicións de traballo e que axudarían a eliminar o risco nas tendas Lefties, como o aumento de horas, a equiparación salarial con Zara, un semi-peche (posibilidade de saír unha tarde ás 20h), establecer dous sábados libres ao mes, ou ofrecer formación que teña que ver co ámbito laboral. Pero, tal e como indica Carminha Naveiro, a principal medida a levar adiante pasa "por cambiar as persoas responsábeis do departamento de Recursos Humanos".
Fronte a isto, a resposta da empresa foi rexeitar todas estas propostas, implantando de maneira unilateral unha serie de actuacións que para o único que serven "é para xustificar que fixeron algo, cando o que fixeron foi empeorar a situación poñendo en marcha un “protocolo de investigación” apoiándose nun “Comité Ético” inventado polo departamento de RH da dirección do Grupo Inditex".
O obxectivo deste protocolo, apunta Naveiro, non é outro que "utilizalo como escusa para xustificar que non van a cambiar as persoas responsábeis de RH de Lefties, e non adoptar así ningunha medida real, descargando a culpa dos resultados das avaliacións en todas as traballadoras e os traballadores".
Actitude represiva contra as delegadas/os da CIG
Naveiro advirte que a representación da CIG non vai permitir que unha empresa como Inditex non adopte medidas para eliminar o risco psicosocial, nin salvagardar a integridade dos traballadores e traballadoras das tendas Lefties. "Tampouco estamos dispostas a permitir a actitude déspota, prepotente e represiva que as persoas responsábel do Dpto. de RH teñen coa CIG, e sobre todo ca presidenta do comité, buscando con estas actitudes o menoscabo da dignidade profesional, sindical e persoal das propias delegadas da CIG e sobre todo de Carminha Naveiro, como presidenta do comité", advirten.
Diante disto, a CIG xa solicitou en diversas ocasións reunións con carácter urxente co director xeral da cadea Lefties (Xavier Rut) para tratar de poñerlle solución a esta situación, sen obter até o de agora ningunha resposta. Para a CIG a actitude da dirección de Lefties constitúe unha intromisión nun problema que ten que resolverse no seo do comité, vulnerando ademais con este proceder o dereito de representación do persoal.
"Tampouco debemos consentir que as condicións das traballadoras e traballadores das tendas Lefties, sendo o mesmo e facendo o mesmo traballo, teñan condicións inferiores ás do persoal das tendas Zara", advirten.
Por iso Carminha Naveiro reitera que "non pararemos de mobilizarnos até que a a empresa sente con nós buscar unha solución e deixe de ameazar as traballadoras".