O 100% do persoal de fábrica de Coasa en Ourense secunda a folga por melloras laborais
A totalidade do persoal de fábrica da empresa aeronáutica ourensá Coasa secundou hoxe o primeiro dos dous días de folga convocados ante o bloqueo por parte da dirección das negociacións da plataforma anexa ao convenio colectivo, que mellora lixeiramente as condicións de traballo. O paro de 24 horas continuará este venres 14 de xuño, xornada na que os traballadores/as aproveitarán para mobilizarse diante do Auditorio Municipal coincidindo coa celebración dun congreso internacional do sector.
Segundo detallan dende a representación sindical da CIG na compañía con sede no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas, na folga participaron os 265 operarios/as de produción e arredor da metade do cadro técnico, integrado por unhas 80 persoas.
O paro seguiu adiante despois de que os traballadores/as rexeitasen onte en votación o preacordo entre a maioría do comité (5 representantes da CGT e 2 da UGT dun total de 13) e a dirección. Un total de 183 persoas votaron en contra, fronte ás 123 que se amosaron favorábeis ao pacto. Tamén se rexistraron 6 votos en branco e 2 nulos.
De xeito que a xornada de mañá continúa tamén en pé, ao igual que os piquetes diante da empresa ás 6:00, 14:00 e 22:00 horas (no mesmo horario que os que tiveron lugar hoxe). Ademais, o cadro de persoal trasladará as protestas até o Auditorio Municipal de Ourense a partir das 10:00 horas, coincidindo coa celebración dun congreso internacional de aeronáutica.
As convocatorias de folga poderían estenderse a todos os martes e xoves de xuño se a empresa non recapacita, “xa que levamos en conversas dende novembro e Coasa non fai máis que dilatar as negociacións facendo ofertas moi distantes ás nosas propostas”.