O 100% do persoal de Elecnor, subcontrata de instalación de R en Pontevedra, secunda a folga para reclamar a subrogación
O 100% do persoal pontevedrés de Elecnor, empresa vasca encargada dos traballos de instalación e mantemento da compañía R Cable, secundou a segunda das cinco xornadas de folga convocadas para para reclamar a subrogación por parte da nova compañía encargada do servizo. Os traballadores/as deseñaron un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cunha concentración diante da compañía en Mos, cuxas instalacións resultaron afectadas no incendios que tivo lugar no polígono do Rebullón o pasado sábado.
Dende a CIG-Industria denuncian que os empregados/as de Elecnor quedarán na rúa no caso de que a nova subcontrata, a empresa valenciana Obremo, non asuma os seus contratos, algo que si fixo na provincia de Ourense. Isto foi posíbel porque o convenio colectivo provincial do Siderometal ourensán contempla a subrogación entre empresas privadas, algo que non figura no convenio de Pontevedra. Deste xeito, cando o vindeiro 30 de marzo remate a concesión os arredor de 40 traballadores/as de Elecnor serán despedidos/as se R Cable non lle reclama á nova subcontrata que os subrogue.
Por iso os afectados/as apostaron por promover unha convocatoria de paros que comezou onte luns 28 cun seguimento tamén total, e que continuará este mércores 30, o xoves 31 e o venres 1 de abril. Ao mesmo tempo, continuarán coas mobilizacións diarias a partir deste mércores diante da sede de R na rúa García Barbón, 38, de 10:30 a 12:30 horas.
Elecnor, cuxa representación sindical está formada por 2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO, ten o seu centro de traballo no polígono do Rebullón, en Mos, pero os seus empregados/as prestan servizo de instalación e mantemento para R Cable por toda a provincia de Pontevedra.