O 100% do persoal de Circet secunda a primeira xornada de folga contra o ERE
O 100% do persoal de Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones, concesionaria do servizo de Movistar Telefónica en Galiza, secundou hoxe a primeira xornada de folga convocada para rexeitar o ERE que suporía o despido de 118 persoas no noso país. Os paros e as mobilizacións continuarán este xoves día 14, o mércores 20 e o xoves 21.
Os empregados/as de Circet aproveitaron a xornada de folga para desenvolver concentracións en distintos centros de traballo, protestas que terán continuidade nas seguintes convocatorias. De feito, para este xoves día 14 están previstas mobilizacións diante das oficinas de Telefónica de todo o país a partir das 11:00 horas.
Estas accións promovidas pola representación sindical, con maioría da CIG, son unha resposta á intención da empresa de aplicar un despido colectivo de 377 traballadores/as no Estado español, 118 delas en Galiza, o que suporía desfacerse de máis do 30% dos cadros de persoal dos centros de traballo galegos. Mañá mesmo terá lugar unha xuntanza na localidade madrileña de Getafe coa dirección de Circet para abordar o ERE.
Desmantelar a representación sindical
Dende a CIG-Industria fan fincapé en que hai escasamente tres meses que a compañía se fixo cargo do servizo, “sendo consciente a empresa e asumindo o número de persoas traballadoras do servizo en Galiza, un servizo que se encarga de departamentos tan importantes como emerxencias, Sergas e a propia Xunta”.
Por iso consideran que este “descomunal ataque” ás persoas traballadoras supón un intento de desmantelar os centros de traballo e as súas representacións sindicais, “substituíndo cadros de persoal estábeis por pequenas empresas e falsos/as autónomos/as, sen representación sindical, que xa están campando ás súas anchas no sector, favorecendo así a explotación laboral e aforrando en medidas de seguridade, o que está a provocar xa un aumento dos accidentes mortais no sector”.