O 100% do persoal da recollida do lixo de Carballo secunda a terceira xornada de folga
A terceira xornada de folga no servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo está a ter un seguimento total, xa que ningún operario/a acudiu ao seu posto de traballo na quenda de noite, mentres que na de mañá só o fixeron aqueles obrigados polos servizos mínimos.
A convocatoria foi decidida en asemblea polos traballadores/as en resposta ao bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria (unha UTE integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL). De feito, a compañía apenas se moveu un 0,5% dende o inicio das conversas e mantén a súa negativa a presentar unha oferta salarial que garanta o mantemento do poder adquisitivo e que permita ter unhas retribucións dignas na recollida de lixo, a canceira e o punto limpo (os tres servizos que xestiona).
A medida que avanza o conflito medra a indignación entre o cadro de persoal da UTE Carballo, xa que os empregados/as seguen sen ter noticias da dirección, que non se manifesta dende que comezou a folga.
En consecuencia, reclámanlle ao Concello (lembran que se trata dun servizo público) que actúe, emprazando á empresa a retomar as negociacións, pero cunhas propostas salariais e sociais dignas que permitan desbloquear a situación e poñer fin ao conflito.
Esta nova xornada de folga, que os traballadores/as aproveitaron para concentrarse ás portas da empresa, desenvólvese entre as 22:30 horas deste domingo 23 até ás 13:05 horas do martes 25 de xuño.