O 100% do cadro de persoal de Unitono secunda o primeiro dos paros contra a deslocalización
O 100% do cadro de persoal de Unitono, empresa do sector dos centros de chamadas con sede en Ourense, secundou hoxe o primeiro dos paros convocados contra a deslocalización a Reus e máis que probábel perda de máis de 130 empregos. As traballadoras/es aproveitaron a convocatoria para desenvolver unha concentración diante das instalacións da compañía.
Segundo sinalan dende o comité de empresa (4 delegadas/os da UGT, 3 da CIG e 2 de CCOO), no primeiro dos paros convocados, que se desenvolveu de 12:00 a 13:00 horas, participaron todas/os as traballadoras/es da quenda de mañá, mentres que na quenda de tarde o seguimento do paro (de 18:00 a 19:00 horas) foi tamén do 100%.
O cadro de persoal de Unitono aproveitou a convocatoria para desenvolver concentracións diante das instalacións da compañía no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra a deslocalización e o mantemento do emprego. Ao remate da protesta os representantes do comité léronlle un comunicado ao conxunto das traballadoras/es.
A seguinte xornada de paro está fixada para este mércores 10 de abril, no mesmo horario: de 12:00 a 13:00 horas na quenda de mañá e de 18:00 a 19:00 na de tarde. De igual xeito, levaranse a cabo concentracións diante da empresa.