O 100% das novas persoas desempregadas no mes de febreiro foron mulleres

A CIG chama á folga de mulleres e ás mobilizacións convocadas para o 8 de Marzo
Nacional - 02 Mar 2021

» Accede aquí ao especial 8M

A EPA xa adiantaba que o 77% do emprego destruído no ano 2020 fora feminino. Os datos de paro rexistrado do mes de febreiro que veñen de se publicar confirman que esa tendencia continúa e empeora. Tal é así que entre os homes descendeu o desemprego en 1.259 persoas. Porén entre as mulleres rexistráronse 503 paradas máis neste último mes. Isto é, o 100% das novas persoas desempregadas o mes pasado foron mulleres.

Así as cousas, o mes de febreiro rematou con 185.228 persoas anotadas no SEPE como desempregas, un total de 18.999 máis (+11,43%) que en febreiro de 2020, último mes sen incidencia da pandemia. Destas 7.982 foron homes e 11.017, preto do 60%, mulleres. Un dato máis que confirma como o paro se ceba coas mulleres e que hai que coller con pinzas, xa que segundo a EPA, un total de 10.200 terían pasado a “labores do fogar” e a ser poboación inactiva, isto non é, non se terían rexistrado nas oficinas do SEPE, o cal agrava aínda máis a situación.

       

Evolución

 

Sexo

Febreiro

Xaneiro

Febreiro

Mensual

Interanual

Homes

             71.438  

           80.679  

             79.420  

         - 1.259  

           7.982  

Mulleres

             94.791  

         105.305  

          105.808  

               503  

         11.017  

Fonte: SEPE

As causas son múltiples, pero o feito de que a maior parte do paro rexistrado durante este ano se corresponda co sector Servizos, onde hai 15.998 persoas desempregadas máis é abondo indicativo. A maior precariedade e temporalidade que padecían as mulleres propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia e o feito de que as maiores perdas de emprego se deran no sector Servizos, e nomeadamente nas actividades máis feminizadas, como a hostalería, empeorou a situación.

Sectores

     

Evolución

 
 

Febreiro

Xaneiro

Febreiro

Mensual

Interanual

S primario

6.029

6.893

6.700

          -   193  

671

Industria

             18.297  

           19.880  

             20.038  

               158  

           1.741  

Construción

             13.613  

           14.259  

             13.810  

           -   449  

               197  

Servizos

           114.987  

         130.717  

          130.985  

               268  

         15.998  

Sen emprego anterior

             13.303  

           14.235  

             13.695  

           -   540  

               392  

Fonte: SEPE

Diante desta situación o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle entende que “é necesario mobilizarse” para que se articulen todas as medidas necesarias para evitar que as consecuencias da crise recaian maioritariamente nas mulleres.

Advirte que “nestes datos non están computadas as traballadoras que continúan en ERTES, que poderían pasar a ser ERES despois” e denuncia as insuficientes medidas articuladas para protexer o emprego. “As primeiras despedidas foron as persoas con contratos temporais, para as que non se preveu protección algunha e que, como indican os datos, eran sobre todo mulleres”.

Por iso reitera o chamamento da CIG á folga de mulleres e á participación nas mobilizacións convocadas para o 8 de Marzo. “Ás mulleres sóbranlles as razóns para saír á rúa a reclamar dereitos. Son quen sustentaron durante a pandemia as actividades esenciais, quen cargaron cos coidados e quen, a pesar diso, están perdendo os seus postos de traballo”.

O secretario confederal de Emprego exixe ademais a inmediata derrogación das reformas laborais e que o goberno galego mude radicalmente as súas políticas para que haxa unha saída galega xusta á crise.