O 061 oculta datos no informe sobre a necesidade dunha nova ambulancia para a comarca do Morrazo
A CIG do Morrazo denuncia que a Fundación Pública do 061 oculta de forma deliberada os tempos de espera nos que unha persoa agarda pola prestación de asistencia urxente por parte do seu persoal sanitario. Dende a central sinalan que cando se fai referencia a que os tempos medios de espera son “aceptables” non se ten en conta que cando existe unha demanda de asistencia sanitaria que precisa da activación dunha ambulancia tan só se conta o tempo que esta tarda en chegar ao lugar dende que é activada, “pero en ningún caso o tempo que se tarda en esperar a que un recurso estea dispoñible”. Deste xeito, tal e como confirma o persoal do servizo, é habitual que unha persoa teña que agardar durante máis de dúas horas a que haxa unha ambulancia dispoñible, “pero que só compute os 25 minutos que tarda en chegar dende o hospital de Vigo en canto queda libre”.
O colectivo denuncia que pese aos esforzos do persoal da Central de Coordinación, “que fan o imposible para a mellor prestación de axuda”, a súa labor vese limitada pola falta de recursos. “Cando se detecta a necesidade de asistencia dun caso moi grave inténtase enviar o recurso dispoñible máis próximo; sen embargo, é habitual que os da zona estean ocupados e teñan que acudir dende moi lonxe, enviar un taxi ou depender de ambulancias cun só profesional que non pode prestar asistencia ao ter que se encargar de conducir”, explica un dos profesionais do servizo.
Así mesmo, no informe remitido pola Fundación Pública ao Concello de Cangas sobre a necesidade dunha nova ambulancia para a comarca só se fai referencia ao escaso aumento de actividade das ambulancias do 061 con base en Cangas e Moaña, volvendo a omitir que o motivo real é que non poden facer máis servizos dos que fan en determinadas franxas horarias, tendo que botar man de ambulancias que veñen doutros concellos como Vigo, Bueu e mesmo Redondela. “Non se poden atender máis emerxencias das que cubrimos durante o día porque estamos constantemente ocupados/as, por iso veñen ambulancias dende calquera sitio ou a xente ten que trasladarse pola súa conta ou incluso ser trasladada pola policía ou por Protección Civil”, comenta un dos sanitarios do propio 061.
Traslados por medios improvisados
Ademais de ocultar datos de tempo de espera ou de que haxa constantemente ambulancias intervindo en zonas afastadas das súas bases, á CIG resúltalle especialmente grave que o 061 oculte as veces que por falta de ambulancias o persoal do PAC e do centro de saúde teña que trasladarse en taxi ou en medios improvisados cando ten que acudir a atender unha situación de extrema gravidade. “É moi frecuente que teñamos que acudir a emerxencias vitais en taxi ou sermos trasladados pola policía, co atraso e as limitacións que supón a falta do persoal sanitario da ambulancia e do seu material”, censura unha das traballadoras do PAC de Cangas.
Diante disto, a CIG do Morrazo cursará unha solicitude ao 061 demandando especificamente a información omitida para “branquear” a situación sanitaria do Morrazo, pedindo datos específicos como tempos de espera antes de que se active unha ambulancia, cantas veces o tempo de chegada dunha ambulancia supera os 20 minutos ou mesmo cantas veces se envía ao persoal do PAC en taxi a unha emerxencia. Así mesmo, enviará os datos dos que dispón ás Alcaldías dos Concellos de Cangas, Moaña e Bueu, que son os principais afectados pola falta dunha ambulancia máis no Morrazo durante todo o ano.