O 061 deixa inoperativa unha ambulancia en Santiago por falta de persoal en Ambulancias do Atlántico
A CIG de Compostela denuncia que o 061 permitiu que Ambulancias do Atlántico deixara este xoves, día 17 de febreiro, inoperativa durante horas unha das ambulancias que presta servizo na Área Sanitaria de Santiago xa de por si infradotada de medios de transporte sanitario.
A empresa fora informada o mércores da baixa médica dun dos seus traballadores negándose a substituílo e cando rematou a quenda, o xoves ás 9:00 h da mañá, o traballador que estaba nesa garda, logo de 24 horas de traballo, recibiu instrucións tanto por parte da empresa como do 061 de rematar o servizo. Iso provocou que unha das dúas ambulancias de emerxencias da base do 061 de Santiago ficara inoperativa durante horas por falta do persoal do que debía dispor Ambulancias do Atlántico, o que para a CIG constitúe unha grave neglixencia.
Dáse a circunstancia de que nesta mesma base fora despedido un traballador dous días antes, sen que a empresa aducira motivo algún que o xustificara, e que outros catro traballadores foran despedidos en Vigo en días anteriores.
Ambulancias do Atlántico, do Grupo Hozono, entrou na Área Sanitaria de Santiago na última concesión a través dunha UTE constituída ademais por Ambulancias Casablanca, Ambulancias do Nordés, Ambulancias Quiroga e Ambulancias Ortigueira.
Responsabilidade da empresa, da UTE e do 061
Polo tanto desde o sindicato responsabilízase tanto a Ambulancias do Atlántico, como a UTE como ao 061 desta situación e iniciarán accións de protesta que xa adiantan que se manterán até conseguir a readmisión dos traballadores despedidos e a normalización do servizo.
Están xa anunciadas mobilizacións por parte dos traballadores: unha concentración en Mos, convocada polo comité de empresa de Vigo o martes 22 de febreiro, ás 12:00 horas, diante da sede da empresa e a FGAMT-CIG de Santiago convoca unha manifestación o mércores, día 23 ás 11:00 horas, con saída de diante dos edificios do SERGAS, desde onde se dirixirá á base de Ambulancias do Atlántico –en Rodríguez de Viguri- e rematará na sede da UTE en Fontiñas.