Nueva Pescanova inicia o desmantelamento do grupo externalizando os frigoríficos
A dirección de Nueva Pescanova anunciou recentemente que a empresa madrileña ALC Logística se vai encargar da xestión dos seus frigoríficos, o que para as centrais sindicais CIG, CUT, USO e UGT supón o inicio do proceso de desmantelamento do grupo con vistas a unha futura venda por parte dos bancos que posúen a maioría das accións da firma de alimentación.
Representantes dos catro sindicatos compareceron esta mañá en rolda de prensa no local da CIG en Vigo para trasladar a súa preocupación polo futuro dos 46 empregados/as dos tres frigoríficos que Nueva Pescanova ten nos centros de traballo de Chapela, Porriño e Arteixo, así como pola continuidade da propia compañía, xa que sospeitan que esta externalización responde ao interese da dirección en “fragmentar ou desmantelar” o grupo para vendelo “por partes”.
Criticaron “as formas e o fondo” dun anuncio feito pola empresa “con alevosía e nocturnidade”, xa que comunicou a decisión un día antes e por teléfono a cada un dos sindicatos con representación na compañía. “Traballadores/as que levan 25 e 30 anos en Pescnova enteráronse así de que deixan de pertencer á empresa”, lamentan.
Pero as centrais tampouco coñecen os detalles da operación, xa que non se lles facilitou información nin documentación dun proceso que segundo a compañía se enmarca do plan industrial 2016-2020, “plan que por outro lado tampouco seguimos sen ter, polo que descoñecemos cal vai ser a folla de rota de Pescanova”.
Precisamente co obxectivo de coñecer os plans de futuro da empresa e as condicións nas que quedará o persoal dos frigoríficos a representación sindical -a excepción de CCOO, que decidiu manterse á marxe- solicitou unha xuntanza coa dirección. O encontro terá lugar este mesmo venres día 22 ás 11:30 horas nas instalacións de Chapela.
Con todo, os sindicatos queren deixar moi claro que todos/as traballadores/as deberán ser subrogados/as pola nova empresa nas mesmas condicións laborais. “Que lles quede moi claro que imos seguir a traballar nos centros de Pescanova aínda que pertenzamos a outra compañía; non lles vai ser doado desfacerse de nós”, aseguran. Aínda que o problema podería darse en 2020, cando remata a vixencia do actual convenio. “Imos esixir negociar como mínimo partindo do convenio de agora, e dende aí ir incorporando melloras, pero nunca aceptaremos volver a condicións anteriores”.
“Os bancos non queren empresas”
Os representantes das catro centrais coincidiron en sinalar que a estratexia dos bancos propietarios da maioría das accións de Pescanova pasa por reflotar o grupo para logo desmantelalo co obxectivo de vendelo por partes. “Os bancos non queren empresas, queren cartos para xestionalos, pero o noso país non pode permitirse perder un grupo empresarial que estivo case 60 anos en mans galegas”, sosteñen.
Por iso non lle dan ningunha credibilidade á dirección cando afirma que a externalización dos frigoríficos responde a un interese por optimizar a súa xestión, baixo o argumento de que unha empresa especializada en loxística pode facelo mellor. “Se fose así entón tardaron 60 anos en darse conta”, ironizan. De feito, lembran que nas últimas negociacións xa non se falaba de grupo senón de tres centros: Chapela, Porriño e Centro Industrial do Frío.