Nova xornada de paros e manifestacións para rexeitar o ERE en Extel
As protestas desenvólvense este mércores, o xoves e o venres día 5, data máxima que a empresa ten para comunicar se executa ou non un ERE que deixaría na rúa a 167 traballadoras e traballadores da plataforma da Coruña.
Neste senso, a Sección Sindical da CIG en Extel subliña que a falta de motivacións para o expediente é tan evidente "que a agora a empresa acepta até un 100% de adhesións voluntarias e procedentes de calquera plataforma, cando durante todas as negociacións defendeu que o territorio afectado era o só o Territorio Norte".
Entenden que este cambio de criterio se debe á posibilidade de que os despedimentos sexan anulados nos tribunais. "Pretenderon presentar este ERE sen ningún tipo de causa e parece que lle están collendo medo á xustiza. Por iso, a empresa anda desesperada buscando voluntarios e voluntarias onde sexa", critican.
Non obstante, a Sección Sindical denuncia que, incluso nesta busca de persoal "voluntario", a empresa non perde as mañas e "está a recorrer a coaccións e ameazas para que as traballadoras e traballadores se adhiran a este ERE fraudulento".
Así as cousas, o persoal parou masivamente na folga de dúas horas por quenda de traballo convocada para este mércores. Ademais, durante o tempo do paro as traballadoras e traballadores levaron as súas reivindicacións polas rúas da Coruña nunha manifestación que partiu do edificio Proa (onde Extel ten as oficinas) para rematar nunha das oficinas de Adecco.
Os paros de 11:30 a 13:30 horas en quenda de mañá e de 16:30 a 18:30 horas na quenda da tarde repetiranse tamén o xoves e o venres.
Hipocrisía de Telefónica
Doutra banda, a representación da CIG critica a hipocrisía de Telefónica que, nun escrito de reposta ao Concello da Coruña, pretende desentenderse do conflito de Extel, alegando que se trata dunha empresa independente e en cuxa organización nada ten a ver. O que non menciona Telefónica é que a súa política de deslocalizacións vai acompañada do desmantelamento dos centros de traballo no país e o despedimento do persoal das empresas que subcontrata.