Novo venres de protestas do persoal municipal de Cariño para exixirlle á alcaldesa que cumpra coa súa palabra

Reclaman a convocatoria inmediata da mesa de negociación da RPT e horarios razonábeis no SAF
Cariño - 18 Set 2026

Novo venres de protestas do persoal municipal do Concello de Cariño para exixir a negociación e aprobación da Relación de Postos de Traballo, uns horarios razonábeis no SAF e uns servizos públicos de calidade. Cunha sonora cazolada, as traballadoras e os traballadores reclamáronlle á alcaldesa que cumpra coa súa palabra e convoque de maneira oficial xa a mesa xeral de negociacións.

“Non sabemos nada nin da persoa mediadora, nin se convocou reunión para tratar o tema dos horarios no SAF, nin nada”, criticou Carmem Viso, secretaria da CIG-Administración Pública de Ferrol. Lembrou que a principios de agosto se aprobou unha moción no pleno municipal instando o Goberno municipal a retomar as negociacións e incoporar nestas unha persoa mediadora externa a través do AGA, co obxectivo de desbloquear e avanzar un acordo para a RPT e resolver os problemas no Servizo de Axuda do Fogar, que está ao límite dende hai meses.

Ademais do acordo no pleno, incidiu en que a última sentenza, emitida polo TSXG a raíz do recurso presentado polo Concello contra a decisión xudicial de primeira instancia, “obriga a negociar e aprobar a RPT con imposición de multas persoais ou denuncia penal á Fiscalía en caso de incumprimento”.

Como a alcaldesa "segue instalada na improvisación" e o persoal xa non se fía, decidiron manter as mobilizacións todos os venres de setembro até que se convoque a mesa e se cumpra os compromisos. No caso de que este mes non haxa ningún avance, o persoal non descarta proseguir coas mobilizacións e mesmo intensificalas.