Novo revés xudicial para o Concello da Fonsagrada: declarados nulos catro despedimentos no GES
"Dende a CIG esiximos ao Concello da Fonsagrada que readmita a todos os traballadores do GES de xeito inmediato, que se retome este servizo de emerxencias e que o alcalde cese dunha vez por todas na súa política de persecución e acoso contra este persoal". Así de contundente se mostraba o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, na rolda de prensa ofrecida esta mañá para dar a coñecer as primeiras catro sentenzas, polas que se recoñece a nulidade do despedimento dos operarios adscritos ao GES da Fonsagrada.
Esta é a segunda quenda de resolucións xudiciais desfavorábeis que recibe o Concello da Fonsagrada a respecto da súa actuación co Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Cómpre lembrar que a finais do ano 2015, por decisión do goberno local, os 12 traballadores adscritos ao servizo foron despedidos, alegándose o remate do servizo. Porén, as rescisións dos contratos foron anuladas por vía xudicial, obrigando o Concello a reincorporar ao persoal nas mesmas condicións.
Pero a teima persoal do alcalde contra destes traballadores non cesou e só un mes despois de readmitilos, promoveu en ERE de extinción para este colectivo de persoal, aducindo causas económicas e produtivas. Para levalo adiante, o goberno local valeuse da complicidade de UGT e CCOO, que ostentan a representación sindical, que accederon a pechar o expediente de regulación con acordo.
Un ERE de "pantomima"
"Dende o primeiro momento, a CIG denunciou que ese ERE era unha auténtica pantomima e que estaba cheo de irregularidades. Agora a xustiza vén darnos a razón, declarando a nulidade dos despedimentos e, entre outras cuestións, que as causas económicas alegadas polo Concello non existen", aseverou Niño. Sobre isto engade que nos Orzamentos da Fonsagrada do ano 2016 xa aparecía consignada unha partida económica para o GES de 50.000 euros (co informe favorábel da intervención) e tres meses máis tarde a Deputación de Lugo acordou subvencionar o 100% do servizo, "polo que a cobertura económica do servizo de emerxencias non foi en ningún momento un problema para o Concello".
Ademais, chama a atención que o ERE afectara só aos traballadores que xa foran despedidos con anterioridade, cando o persoal adscrito ao GES pode realizar funcións similares ao resto do persoal na categoría de "peón". Xunto a isto, na resolución destácase o carácter discriminatorio da medida. "Con estas primeiras sentenzas queda demostrado que a decisión do alcalde foi unha represalia contra estes compañeiros por ter reclamado os seus dereitos", afirma Antonio Niño.
Irresponsabilidade política
Coas sentenzas na man, a CIG de Lugo esixe ao alcalde da Fonsagrada que "poña freo dunha vez a esta falta de sentido, porque imos cara a unha situación insostíbel. Debe readmitir a todos os traballadores, recuperar un servizo básico para toda a cidadanía e dar normalidade ás relacións laborais no Concello que dirixe".
Actuar noutro sentido, matiza, suporía unha irresponsabilidade política e un malgasto dos cartos públicos, xa que o Concello (ademais das costas xudiciais) vai ter que afrontar o pago dos salarios de tramitación (as nóminas deixadas de percibir dende o despedimento até a reincorporación ao posto de traballo) e non terá subvencións da Deputación para este servizo, xa que non as solicitou.
"A postura do alcalde non ten xustificación de ningún tipo, máis alá do seu empeño persoal en que estes traballadores non estean a o servizo do Concello; unha xenreira que agora pagarán os veciños e veciñas da Fonsagrada, porque os cartos para afrontar o cumprimento das sentenzas non van saír do peto do alcalde", subliña o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña.
Este grupo de traballadores, concluíu, leva máis de un ano sufrindo unha situación de inseguridade laboral e unha persecución, "que constitúe un maltrato psicolóxico e unha falta de respecto absoluta e intolerábel por parte dunha administración pública".