Novo pau á dirección de Ferroatlántica: o xulgado dálle a razón á CIG e obriga a readmitir de inmediato o compañeiro Ramos

Tamén condena a empresa a indemnizalo por vulnerar o seu dereito á liberdade de expresión
Cee - 08 Xun 2019

O xulgado do Social 3 da Coruña vén de ditar sentenza polo que declara nulo o despedimento  do compañeiro José Ramos (que foi membro do comité e actualmente forma parte da sección sindical da CIG) e condena a Ferroatlántica SA á súa readmisión inmediata nas mesmas condicións que tiña. Así mesmo, obriga a empresa a pagarlle os salarios deixados de percibir neste tempo e a abonarlle unha indemnización polo dano moral derivado da vulneración do seu dereito fundamental á liberdade de expresión sindical.

Esta sentenza é un novo fracaso de Ferrotlántica no seu ataque permanente aos traballadores/as e ao emprego na Costa da Morte. Con este revés xudicial, que se suma ás condenas previas por vulneración de dereitos fundamentais, a CIG fai un chamamento á cordura e que a empresa deixe de estar en permanente conflito, como fai agora volvendo sobre o proxecto de segregar e vender as centrais hidroeléctricas, cando esta operación xa foi desautorizada por Augas de Galiza e está pendente de resolverse o recurso do TSXG.

O despedimento, un paso máis na campaña de represión contra a CIG

 

Esta sentenza é un novo fracaso de Ferrotlántica no seu ataque permanente aos traballadores/as e ao emprego na Costa da Morte"

 Cómpre lembrar que Ferroatlántica despediu a Ramos, que leva traballando na fábrica de Cee 28 anos, logo do publicar un comentario nunha rede social, fóra do ámbito da empresa, e nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité, e xusto catro días antes da celebración do referendo polo cal saíu aprobado o convenio colectivo.

No seu momento, a CIG denunciou que esta decisión non viña motivada polo prexuízo para a empresa ou o contido do propio comentario (que o traballador eliminou poucos días despois), senón que era unha represión de Ferroatlántica contra a central sindical pola loita contra a venda das centrais, non referendar o acordo marco estatal e non asinar o novo convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas.

De feito, a xuíza chama a atención sobre a forma na que se produce a denuncia do comentario dentro da empresa, xa que non consta nin como chegou a coñecemento dos denunciantes a publicación que levou ao despedimento (realizada nun perfil de facebook pechado), nin tampouco consta que Ferroatlántica tivera realizado ningunha investigación en relación á publicidade que se lle deu ao comentario na rede social.

Á contra, na sentenza faise un extenso percorrido pola situación de conflitividade laboral vivida nas fábricas dende que Ferroatlántica anunciara a finais de 2016 a súa intención de segregar e vender as centrais hidroeléctricas, resaltando que era de sobra coñecido pola empresa o posicionamento contrario de Ramos a estas manobras e a súa vinculación coa CIG, central sindical que encabezou a mobilización e a resposta social na empresa.

A empresa xa foi condenada en dúas ocasións por vulnerar o dereito á folga ao impor servizos mínimos abusivos"

Con este transfondo, a xuíz a entende que a decisión de Ferroatlántica constitúe unha vulneración do dereito fundamental da liberdade de expresión na súa vertente de liberdade de expresión sindical, declarando a nulidade do despedimento e obriga á reincorporación inmediata de Ramos. Ademais, condena a empresa a pagarlle unha indemnización ao traballador no grao de infracción moi grave.

Condenas previas por vulneración do dereito á folga

No percorrido que se fai na sentenza sobre a conflitividade laboral en Ferroatlántica, sublíñase que xa foi condenada en dúas ocasións por vulnerar o dereito á folga e a liberdade sindical ao impor uns servizos mínimos abusivos nas xornadas de folga do 27 de xaneiro e do 12 de xullo de 2017. Denuncias que foron promovidas pola CIG.

De igual xeito, lémbrase que a CIG denunciou na Inspección de Traballo as irregularidades do referendo pola cal se aprobou a proposta de convenio presentada pola empresa a finais de xuño, mais por unha estreita marxe de sete votos a favor. A CIG recorreu este proceso porque, como quedou acreditado no informe da Inspección, se permitiu votar a cando menos 16 traballadores/as que non formaban parte do cadro de persoal, alterando así substancialmente o resultado da votación. Ademais, o pasado mes de maio a central nacionalista presentou demanda de impugnación do convenio colectivo.