Novo luns de paros e mobilizacións en Atento A Coruña
Este luns, as traballadoras e traballadores de Atento A Coruña continúan cos paros e mobilizacións para esixir unhas condicións laborais dignas, respecto pola súa saúde e o remate das persecucións por parte da empresa e as presións da mutua. Na xornada de hoxe, o persoal está secundando paros de unha hora por quenda de traballo e asembleas ás 12 e ás 18 horas.
Nestas asembleas, o persoal e o comité están avaliando novas medidas de presión a levar adiante e unha táboa reivindicativa para trasladar a empresa "para que se decaten do que pasa en Atento". Unha listaxe a modo de resposta ás afirmacións da responsábel de Recursos de Humanos, que chegou a dicir ao comité nunha xuntanza que descoñecía a existencia de problemas laborais na plataforma, que non tiña constancia dos múltiples escritos remitidos polo persoal nin dos requirimentos e multas da Inspección de Traballo.
A mobilización continúa
A pasada semana, o persoal de Atento secundou maioritariamente unha xornada de folga de 24 horas para "deixar claro que queremos que se poña fin ás lamentábeis condicións que estabamos a padecer no traballo e demostrar que estamos decididas e decididos a continuar na loita até conseguilo".
Neste senso, dende a sección sindical da CIG denuncian que logo do amago de convocatoria de reunión feito pola dirección do pasado mércores e a proposta da representación social para manter unha xuntanza ao longo desta semana, "a día de hoxe non temos ningunha noticia da empresa".
Así as cousas, o persoal manterá as mobilizacións até que a empresa cese na súa política de acoso, sancións inxustificadas, controis, presións e despedimentos.